Despido este ano feliz, por ter acadado importantes avances na miña xenealoxía. Foi bonito atopar no meu bulebule diario , un pouco de tempo e recursos para min. Por fin, podo eliminar do meu sistema de crenzas, o refrán que di: “En casa de ferreiro, coitelo de pau”.
Velaí vai, unha escolla dos meus logros xenealóxicos. O ano que ven seguro que haberá máis.
1. Os libros parroquiais de Castro Caldelas
Na primavera deste ano, visitei Castro Caldelas. Abrigaba a esperanza de poder consultar os libros parroquiais da vila, para completar capítulos importantes de miña historia familiar. Mantiven unha pequena conversa co párroco, que tivo como resposta un non. Seis meses máis tarde, os libros transferíronse ó Arquivo Diocesano de Ourense, por xubilación. Agira, conto os días para pasear pola historia do meu bisavó Andrés e a súa familia. Ás veces, nas nosas pescudas, damos con muros de pedras infranqueables. Outras veces, eses muros caen.
2. O Gerardo. Santa Bárbara, bendita
Cando falamos de emigración, sempre hai historias de gañadores e de perdedores. A do Gerardo ben podería ser a dun “looser”. O irmán da miña bisavoa Luisa, morreu un 20 de nadal de 1960, no Hospital de Mineiros, de Raton, en Novo México. Estaba soíño e “lejos, lejos de su hogar”. Tiña traballado nas minas de carbón desta localidade, dende a súa chegada ós Estados Unidos, a finais do século XIX. Cos seus dólares, construíuse a casa dos meus bisavós. Unha casa paraíso na que sempre estiven ben e a salvo, descoñecedora da sorte do Gerardo. Él nunca tivo ninguén que lle cantase “Mirai Maruxiña, mira como veño” , cando voltaba do traballo duro da mina. O día de verán no que tiven nas miñas máns, o seu certificado de defunción, foi moi emocionante. Por fin, había un chisquiño máis de luz, na vida deste home, grazas á axuda inestimable dunha xenealoxista profesional. Porque incluso, as xenealoxistas podemos ter a necesidade de poñer unha xenealoxista, nas nosas vidas.
3. Unha de tataravoas. Antonia “a obstinada e impenitente”
En novembro, no mes en que o mundo dos vivos e os mortos case se tocan, decidín dedicar un extra de tempo, á miña xenealoxía. Cando escaravellaba nos libros libros parroquiais de Santa María de Abeleda (A Teixeira), sorprendime cun agasallo. Era a partida de defunción da miña tataravoa Antonia, que falecera no ano 1874, escribía o cura “obstinada e impenitente, que no quiso hacer las debidas disposiciones ni recibirlas, a pesar de haberla exhortado yo por dos veces y otros paisanos de mi mandato”. Encantoume saber deste aceno de rebeldía, nunha das miñas antepasadas. Era a primeira vez na miña vida, que lía cousa tal, escrita por un párroco. Aínda que meses antes, o seu fillo Bernardo tiña asaltado a casa deste mesmo cura. O Bernardo era o xefe da banda, disque.
4. O Bernardo. O eterno fuxitivo
O Bernardo é un personaxe mítico da miña familia paterna. Cando penso nel, venme á cabeza a lembranza do meu pai, a recitar os versos de: “¡Que es mi barco, mi tesoro, que es mi Dios, la libertad, mi ley, la fuerza y el viento, mi única patria, la mar!”.O Bernardo non foi un pirata, pero as súas historias de hábil fuxitivo, vestido unha grande parte da súa vida co clásico “rayadillo“, teñen un algo dese pirata de Espronceda, que amaba a liberdade por riba de todas as cousas. Foi divertido e sorprendente, a un tempo, descubrir nunha visita ó Arquivo Diocesano de Ourense, que este home nacera un 21/06. En 21/06, naceu tamén a miña irmá Luisa , unha das persoas da familia, que máis ama a liberdade. A liberdade é un valor importante para nosotras.
5. O abrigo da miña tía Lola Un legado inesperado
Catro irmás e irmáns da miña avoa materna emigraron ós Estados Unidos. Unha delas foi a miña tía Lola, que viviu en Nova Iorque, unha grande parte da súa vida. Grazas as listaxes de pasaxe da Illa de Ellis, fun quen de rastrexas as súas idas e vindas. A súa visita nos anos oitenta impresionoume fondamente. A tía Lola converteuse nunha especie de modelo, que espertou en min o interese, polas linguas e as viaxes. No mes de novembro o seu abrigo, feito a medida nunha boutique de Manhattan, chegou inesperadamente ás miñas mans. ¡Un bonito legado, que me conecta con ela! Pregúntome, que cousas terá que contarme.
EL HOUDINI GALLEGO| LA HISTORIA DE MI TÍO BERNARDO
08.04.2020 at 19:38[…] la historia que mi tío bisabuelo Bernardo era un hombre que se echó al monte y que burlaba a la guardia civil, cada vez que le intentaba dar […]