Virxilio Vieitez

VIRXILIO VIEITEZ. O FOTÓGRAFO DA EMIGRACIÓN

Hai uns días que marcharon para Washington desde Lugo, as fotografías que conforman a exposición itinerante 50 fotografías con historia, organizada por Acción Cultural Española.

 

 

A número 4 é unha das imaxes máis emblemáticas do fotógrafo galego Virxilio Vieitez: o retrato da Dorotea do Cará, do ano 1960. A mítica muller da radio, posando co agasallo do seu fillo, emigrado en América. 

 

 

Este home, nado en Terra de Montes, retratou durante varias décadas a vida dos homes e mulleres da súa comarca: bautismos, comuñóns, vodas, velorios e enterros.

 

 

Fixo os retratos para os DNIs e quen sabe se para outros documentos oficiais. Pregúntome se as fotos das fichas consulares dos seus paisanos e paisanas, expedidas polo Consulado da República dos Estados Unidos do Brasil, en Vigo,  son súas tamén.

 

 

Conta o fotógrafo, que moitas das súas imaxes cruzaron o mar  (cara a Brasil e Venezuela, preferentemente) como documentos probatorios da morte dalgún parente ou do desfrute de “haigas”, de tamaños imposibles e doutros agasallos, mercados cos cartos da emigración.

 

 

Estes días investigo en Forcarei, en Terra de Montes, así que aproveito e invito ó meu cliente a revisar as fotos de familia, en busca dalgún tesouro. Se eu teño fotos do Rizo na casa, el ten que ter alguna de Virxilio. E bingo!

 

 

Hai nada, mandoume a foto da voda do seu pai e a súa nai, cun selo no reverso que puña FOTO REPORTAJES VIEITEZ. SOTELO DE MONTES, e o número de copia.

 

 

A sona chegoulle tarde ó fotógrafo de Soutelo de Montes. Foi nos anos 90, cando a súa filla Keta decidiu expoñer na aldea, unha escolma do seu material. Despois virían a Bienal de Vigo e moitas máis exposicións, algunha internacional. E tamén os encontros con Cartier-Bresson.

 

 

Todo iso e máis cóntase,  no segundo capítulo da  serie documental de RTVE, titulada “La mirada fotográfica”, dedicado a  “Virxilio Vieitez”.

 

 

Gústame a forma na que o fotógrafo se autodefine como empresario e obreiro, perseguidor da liberdade creativa e a excelencia.    

 

 

Pero o que máis me impresiona é a voz que tremelica, cando fala do pai ausente, como se fose Stromae.

 

 

Virxilio conta que non chegou a coñecer ó seu pai, emigrante primeiro nos Estados Unidos e despois en  Francia. 

 

 

Pregúntome se será o Jose Vieitez nado en España, que aparece en Family Search, no censo de varóns susceptibles de ser movilizados, realizado nos Estados Unidos en 1917-1918, con motivo da Primeira Guerra Mundial.

 

 

A ficha non ten foto pero si unha descrición física completa que o define como home de raza branca, baixo e delgado e de ollos e cabelo castaño.  Daquela estaba solteiro e vivía en Brooklyn, cun tío.  Tiña 22 aniños.  

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!