Un dos meus últimos achados musicais deste verán é esta canción do dúo catalán, formado por Maria Arnal e Marcel Bagés . É a banda sonora ideal, para un outono que adiviño quente e no que poderemos comprobar por fin, se a nosa clase política ten o valor necesario para sanar as feridas do silencio.
Esta canción está baseada nun feito insólito, que ocorreu durante a excavación dunha fosa común do franquismo no monte de La Pedraja (Burgos), no 2010. Entre os 104 corpos alí enterrados, apareceron 45 cerebros e un corazón, perfectamente conservados. Unha metáfora moi axeitada para falar das pegadas, de tanta dor e arrepío non verbalizados.
O meu desexo para os vindeiros meses é que os familiares de todas as persoas desaparecidas, reciban axiña, a esperada nova, de que poderán, por fin, honrar e enterrar aos seus mortos, coa axuda de toda a sociedade. É unha cuestión de saúde colectiva. E tamén unha oportunidade para mellorar a marca país e deixar de ocupar o segundo posto a nivel mundial, na listaxe de países con máis persoas desaparecidas e enterradas en fosas comúns.
Como di a canción:
“Despois de oitenta anos
Despois de oito décadas
Mentres eu canto
Mentres el toca
Mentres estás a escoitar
Mentres respiras
Namentres, durante, despois
Siguen aí
En silencio”
45 cerebros e 1 corazón. Maria Arnal
Tes observado alguna vez, o peso que o non dito, ten nas nosas vidas? Tes tomado consciencia de toda a dor e o medo, atrapados no corpo e no corazón das nosas avoas e avos? Cres, de verdade, que é mellor non mexer o pasado?
Non hai comentarios