A EXCURSIÓN GALEGUISTA DE CARBALLEDO

Entre o 11 e o 17 de xuño de 1934, uns cincuenta nenos e nenas de Carballedo en Lugo, deron a volta a Galicia, nunha viaxe mítica, financiada por Francisco Domínguez Mosquera.

 

 

A primeira vez que ouvín falar de Francisco foi cando o seu neto, que reside en Estados Unidos, solicitou os meus servizos para afondar na historia familiar do seu avó.

 

 

Daquela o neto xa tiña moito camiño andado. Foran meses de poñer orde nos documentos do arquivo familiar e de incansables pescudas na rede.

 

 

Pouco a pouco, foi escribindo capítulos da biografía dun avó do que apenas sabía, debido a súa morte prematura.

 

 

Redactou tamén unha entrada na Galipedia que empeza así: “Francisco Domínguez Mosquera, nado en San Paio (Lousada, Carballedo) o 2 de abril de 1899 e finado na Habana en 3 de outubro de 1937, foi un emigrante, galeguista e filántropo do primeiro terzo do século XX ”.

 

 

O meu traballo consistiría en indagar na xenealoxía deste home, que con tan só catorce anos, emigrou á Habana e volveu rico. Francisco foi un indiano de libro!

 

 

 

 

 

 

Indiano, indiana

 

Persoa que marchou como emigrante para América e volve rico

 

 

 

 

Foi un deses emigrantes retornados teimudos, obsesionado coa idea de crear escolas, onde non as había.

 

 

Primeiro a través da sociedade de instrucción creada na Habana e dependente do asociación microterritorial de “Carballedo, Chantada e as súas comarcas”. Anos máis tarde, a título individual, levantando a escola de Lousada.

 

 

A excursión representaba o cume dun proxecto, que aunaba o seu compromiso coa educación e co galeguismo.

 

 

A excursión galeguista, contada pola prensa. 

 

 

En Cuba, “El Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba”  incluiu no seu número de 15 de agosto, unha ampla reportaxe, titulada “Carballedo y Chantada. Banquete y excursión escolar”.

 

 

En Galicia, deste lado do Atlántico, o xornal que se ocupou da darlle seguimento a este evento foi “El Pueblo Gallego”.

 

 

Grazas a información contida nestas dúas publicacións souben do banquete inaugural, celebrado en Carballedo o día 10 de xuño con asistencia de ilustres oradores galeguistas como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Suárez Picallo e Alexandre Bóveda, disque.

 

 

Aquelo foi un festón, con gaitas, foguetes e moita alegría.

 

 

A excursión partiu de Carballedo o día seguinte. Os nenos e nenas viaxaron acompañados polo propio Francisco Domínguez Mosquera, os mestres Andrés Guerra e Remigio Fernández,  a mestra Baldomera Guerra, o médico municipal de Carballedo, Juan Regal, o estudante de medicina Jesús Fernández e varias enfermeiras.

 

 

A axenda foi moi apretada, con visitas a lugares emblemáticos das catro provincias galegas. Un destes lugares foi o monte Santa Tegra na Garda, en Pontevedra, do que temos este documento gráfico cun exultante Francisco Domínguez, posando no centro.     

 

 

 

 

 

Fonte: El Eco de Galicia. 15/08/1934 

 

 

 

 

 

 

 

Memoria e esquecemento  

 

 

O 17 de xuño, os pequenos e pequenas regresaron ás súas casas. Cantas historias para compartir!

 

 

Historias que falaban das augas fumegantes das Burgas en Ourense, da ponte de ferro de Tui que cruza o estuario do Miño, da viaxe en lancha dende A Garda a Matosinhos en Portugal, do baño en Praia América, do xantar en “La Marisquería” en Vigo, do botafumeiro da catedral de Santiago, da Torre de Hércules na Coruña, do Parque de Pasatempo, en Betanzos e da sesión de cine en Lugo.

 

 

A excursión foi tema da conversa durante moito tempo, ata que viu a guerra. 

 

 

En novembro de 1936, Francisco Domínguez Mosquera regresa apresuradamente á Habana, acompañado do seu fillo e en menos dun ano morre.    

 

 

Na súa equipaxe levaba unha foto, que podería titularse: “Alegría”. Era o retrato dunha marabunta, xunto ó coche da mítica excursión.

 

 

A foto pasou de pai a fillo e de fillo a neto… Hai días nos que a observo engaiolada e me pregunto se quedará na memoria das familias de Carballedo, algunha pegada desta epopea. 

 

 

Devezo por saber se alguén lembra os relatos emocionados dos seus protagonistas. 

 

 

Estou segura de que Francisco Domínguez Mosquera, ese pequeno que un día emigrou á Habana co posto e que volveu rico, sorriría ó saber que aínda é recordado.     

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

4 Comentarios

  • Xosé Manuel Vázquez

    24.05.2021 at 16:56 Responder

    Na revista Alén-Parte, n. 3, de abril de 1993, pp. 13-16, foi publicado o artigo “O Partido Galeguista na comarca de Chantada, recordo dos homes e das ideas que o formaron”. No mesmo faise repaso á actividade política e social de Pancho de San Paio, como promotor e galeguista destacado. Tamén se publicou unha fotografía do acto celebrado –e lembrado polos maiores– o 10 de xullo de 1934 na escola de Lousada, con Vicente Risco, Francisco Domínguez, Otero Pedrayo, Castelao e Alonso Ríos. Logo segue coa primeira viaxe escolar proxectada, nun itinerario redactado por Otero Pedrayo.

    • bisagras de papel

      27.05.2021 at 09:03 Responder

      Moitas grazas por esta información!!!

  • Chelo Lobelle

    21.06.2021 at 09:40 Responder

    Hola, me encanta este artículo.
    Mi bisabuela (que me crió) era la hermana de este gran hombre.
    Guardo algún libro que estaba en la casa de mi bisabuela que pertenecía a Francisco Domínguez

    • bisagras

      22.06.2021 at 11:20 Responder

      Hola Chelo!!!

      Me encantaría hablar contigo con más calma y ponerte en contacto con Frank Dominguez, su nieto.

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!