A ÁRBORE XENEÁLOXICA. UN AGASALLO, FEITO CON AMOR

Nos últimos meses, teño recibido varios mandados de investigación familiar, que queren ser materializados nun agasallo.

 

Son da opinión persoal de que é tremendamente complicado, condensar a historia familiar nunha “árbore xenealóxica” sen máis.  

 

No caso de que quixese utilizar unha árbore, para representar á miña  familia, que árbore elixiría? Na miña historia familiar hai cipreses, pradairos, sabugueiros, castiñeiros, cereixeiras e figueiras. Porque quedar só cun deles?  Hai cepas, moitas cepas, aínda que eu preferiría que non aparecesen. E unha miguiña dese ourego silvestre, que a miña avoa botaba ás filloas. Tamén moras apañadas nas silveiras, que a miña  tía María esmagaba nun prato de porcelana con bordo azul, despois de telas regado xenerosamente con azucre. Hai resina dos piñeiros, pegada á miña roupa e dedos. E o contacto traidor das estrugas, a abrasar as miñas pernas. Hai flores de carrapizo a voar polo ar, lanzadas coma proxectís. E todo tipo de herbáceas a aloumiñar as miñas pernas.

 

 

 

 

 

 

No caso de que decidise, incluír os nomes das persoas que me antecederon, como lles habería chamar? Co nome completo e os seus dous apelidos ou cun apelativo cariñoso? A mín, persoalmente faríaseme raro, chamar ao meu avó Francisco en lugar de Paco. Ou chamar ó “Tío Cura” José, e non  “o Tío Cura”. Quizáis, a realidade é que non hai una soa árvore, senón unha diferente para cada persoa.     

 

 

 

E agora imos coa derradeira pregunta, que persoas incluiría nunha representación gráfica da miña familia? Á familia de sangue, únicamente? Ou á familia emocional?  Incluiría acaso a persoas, que sen ser propiamente familia, teñen sido chave na  historia familiar?

 

 

 

 

“A nosa familia é en verdade infinda. Aínda que non saibamos con quen nos estamos a cruzar na vida, nun instante brevísimo“

 

Henning Mankell

 

 

 

 

Lembro que hai un ano entreguei unha árbore xenealóxica,  que tiña coma destinataria unha muller que estaba de oitenta aniversario.  Nesta caso, optei por unha árbore, que incluía un so nome. Era o de Don Ricardo (Ricardo Rodríguez Pastor), un personaxe que sen ser da familia, convertiuse en alguén clave, para a mesma. A historia non sería igual, se un dos bisavós daquela muller, Ventura “O Benaventurado” non houbese chegado a Coruña dende Arteixo , a finais do S.XIX en busca de fortuna e dese cun traballo coma porteiro nun edificio no que vivía, quen sería co tempo, o Presidente do Banco Pastor.  

 

 

 

 

Solar do Banco Pastor. A Coruña. 1922

 

 

Desta volta, a árbore foi substituída pola imaxe dun libro aberto polo medio, no que a parte esquerda representaba á familia paterna e a dereita á materna. Neste libro non había nomes ou datas, agás o de Don Ricardo. Había, pola contra, certos deseños simbólicos que representaban ocupacións, fitos e lendas da familia.

 

 

 

O resultado foi  unha lámina orixinal, executada pola artista lucense Isabel Somoza, xestora de Augatinta, baseándose nas historias que eu lle contaba, segundo avanzaba na miña investigación. Para iso foi fundamental a axuda dunha  colaboradora necesaria, a irmá da nosa homenaxeada, que adobiou o relato familiar cun cento de pequenos detalles.  Acompañei esta lámina, dunha pequena guía, na que se relataba a historia da familia, coma se fose un conto.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Foi un agasallo de aniversario, realmente especial e emotivo. Cando sexa maior, quero ter un igual. 

 

 

 

 

Se tiveses que facer unha representación gráfica da túa familia, que elemento escollerías? Unha árbore ou un libro? Unha casa ou un mapa? Que persoas, incluirías na túa árbore xenealóxica? Gustaríache facer un regalo regalo emotivo e orixinal?  

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Suscríbete
Se desexas ter noticias nosas por correo electrónico...