BIS-AGRAS DE PAPEL E O MEU BIS-AVÓ ANDRÉS

 

Na primavera do ano pasado, encomendeille a tarefa de poñer un nome ao meu  proxecto de xenealoxía, a Beatriz Fontán. Xa tiña  coincidido con ela noutras ocasións e sabía que acababa de crear unha empresa chamada SERÁ POR NOMBRES. Telefoneina e concertamos unha reunión. Nela conteille quen era, de onde viña, que cousas tiña feito na miña vida e que outras cousas quería facer. Faleille do significado que a xenealoxía tiña para min. Falamos tamén de poesía, música e literatura. Conversamos sobre  viaxes transoceánicas e sobre aves e naves.    

 

 

images  

 

  

 

Dez días despois, xuntámonos de novo. Xa tiña elixido un nome para min! Por fin! Nomear unha cousa é darlle vida. O meu soño pasaba do mundo do inmaterial ao material. Confiaba en Beatriz.

 

 

Por algo escribiu na súa tarxeta:

 

  Beatriz R. Fontán:   “Benedictrix ou Beatrix, de orixe latina, nome propio de muller que significa feliz, a que fai felices aos outros.”

 

 

 

Lembro perfectamente que elixín para a nosa cita unha camiseta con libélulas estampadas. Gústame a fraxilidade e delicadeza das súas ás. O  punto de encontro foi unha bonita cafetería da cidade vella da Coruña. Sentámonos nun lugar tranquilo. Beatriz pediume que saíse un momentiño. Ao regresar, había unha caixa de marquetaría cima da mesa. Conteivos que me encantan as caixas? Dentro había unha paxariña de papel, cun nome escrito dentro: Bisagras de Papel.

 

 

Beatriz explicou con miudeza todas as polisemias do nome. Falamos de portas  sagradas, origami, Unamuno e ás. Falamos tamén papel, de libros e de moitas outras cousas. Despedímonos. Beatriz invitoume a levar o nome posto e observar como me sentía con el. Era como estrear uns zapatos novos. Podía camiñar a gusto con eles? Algunha rozadura ou molestia?  O nome e eu marchamos a Portugal, uns días.     

 

Ao regresar, descubrín que Beatriz esquecera mencionar todas as polisemias do nome. No dicionario puña que bisagra era tamén: “Pau de buxo, corto e cadrado, con algunhas molduras nos extremos, que usan os zapateiros para alisar e dar lustre ao canto da sola dos zapatos, despois de desvirada.”

 

  

O meu bisavó Andrés, zapateiro de profesión, quería estar sen eu telo invitado, no nome do meu proxecto. Esa borrosa figura, a quen chamo desde hai un tempo Barbazul, por ter enviuvado dúas veces, invitábame a entrar no seu castelo e abrir todas as portas. Tendíame as chaves do cuarto dos horrores, e dicíame: “Neniña, entra sen medo!. Chegou o tempo de que vexas o que hai nel.”

 

ZhdaNN

 Barbazul. ZhdaNN

 

 

 

Sen dubidar, chamei a Beatriz para dicirlle que quedaba co nome. Estaba feliz, con esa inesperada visita do meu bisavó, o que traballaba cunha bisagra de madeira de buxo.    

 

 

 

E ti, atopaches algunha conexión entre o teu nome e o dalgún antepasado? Que emocións produce en ti esa conexión? Que sabes da historia de vida desa persoa?  

 

 

 

 

2 Comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!