CALAVERITAS. CANCIÓNS PARA CELEBRAR A VIDA

 

Nestes días, nos que a liña que separa o mundo dos vivos do dos mortos se esvaece, escoito o “Calaveritas” da chilena Ana Tijoux, que incorporei, hai pouco, a miña lista de cancións xenealóxicas.

 

 

 

“Hai unha terra dos vivos e dos mortos, e a ponte que os une é o amor; o único que sobrevive, o único que ten sentido”

 

Thornton Wilder

 

 

 

 

Encántame esta canción, que invita a honrar e agradecer a todos os meus mortos: meu pai, desde hai un ano e algo, os meus irmanciños e irmanciñas descoñecidas, os meus avós Paco e Aurentino, as miñas avoas Casilda e Julia e a miña tía María. Tamén os seus pais e nais. E outros mortos dos que apenas sei, pero polos que hoxe prenderei unha candea, para ofrecerlles un lugar no sistema. Unha luz especial alumea hoxe, para os que nunca puideron regresar e abrazar aos seus, en vida. Para Bernardo, ese home que se botou ao monte, por ter desertado do exército. Para Aurelia, esa muller que cruzou o río, e que endexamais voltou ver ao seu pai, reprobada pola seu mal proceder. Para Gerardo, ese irmán da  miña avoa,  que morreu só nos Estados Unidos, sen poder xuntarse con ela, de novo. E para eses outros irmáns do meu avó, que nunca regresaron de Cuba, por non poder. Dalgunha maneira, coas miñas investigación, agora xa sei que elas i eles tamén forman parte, a pesar do silencio que rodea as súas vidas.

 

 

 

 

 

 

 

Que sabes dos mortos da túa familia? Alguén do que non se fale?  Quererías darlle un espazo, ás persoas excluídas do teu mapa familiar? Tes argallado un pequeno ritual, para os honrar?  

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Suscríbete
Se desexas ter noticias nosas por correo electrónico...