CASTROPOL. A MEMORIA ROUBADA

 

 

 

A primeira vez que ouvín falar do campo de concentración de Castropol foi durante unha investigación. Daquela e sen saber moi ben o porqué, decidín buscar á bisavoa da miña clienta nunha lista de vítimas da represión franquista na provincia de Lugo, entre os anos 1936-1940. Esta listaxe, elaborada pola investigadora e historiadora María Jesús Souto Blanco, é unha excelente fonte de información para xenealoxistas. Así que tentei coa inicial do seu apelido e de súpeto, voilà…  A nosa muller estivera presa no cárcere de  Lugo, entre xaneiro e abril de 1940, para logo ser conducida ó campo de concentración de Figueras-Castropol. Tiña corenta anos e era nai solteira, de catro. O seu delito: auxiliar a fuxidos.

 

 

 

 

 

“Cantos campos de concentración franquista se crearon no noso país durante a guerra e a ditadura? Esta era unha das principais preguntas, que quería responder, cando comecei esta investigación. Tres anos despois a miña conclusión non pode ser máis clara: só houbo un e chámabase España. A nación enteira, a medida que foi sendo conquistado o seu territorio polas tropas rebeldes, convertiuse nun campo concentracionario xigante”

 

 

 

Carlos Hernández de Miguel

 

“Los campos de concentración de Franco”

 

 

 

 

Ese mesmo delito é o que levou a centos de mulleres e incluso nenos de Asturias, Galicia e León a este campo, ubicado no extremo noroccidental de Asturias, ben preto da praia de Arnao. A partir de 1939, deixou de ser un campo de prisioneiros de guerra para mudar nun de “presos gubernativos”, no que se aloxaron principalmente familiares e persoas, que colaboraban co maquis.  E cando digo aloxaron, son consciente de que non estou a utilizar a verba axeitada. Tratábase dunha reclusión forzosa, en condicións infrahumanas. Alí penou a nosa muller, durante un tempo, no sei canto, xa que non tiven acceso a máis información. A súa rutina diaria transcurriría entre izadas de bandeira, “Caras al sol”,  comidas escasas , frío e chuva. A esto habería que sumar, o traballo forzoso de apañar pedras na ría e cargalas en cestos, para construír unha estrada cercana.  

 

 

 

 

 

 

 

 

Hoxe en día, non é doado ubicar o lugar, onde se levantaron eses tres barracóns. Na web oficial de turismo de Asturias non hai espazo, para a memoria… Sería bonito que os turistas que visitan lugares da Mariña Lucense, como O Fuciño do Porco , no Vicedo,  As Catedrais ou o parque etnográfico do Cargadoiro en Ribadeo, cruzasen a ría,  para coñecer a historia daqueles homes, mulleres e nenos, que malviviron alí, a escasos metros da praia de Arnao.

 

Non é necesario, que se adentren na zoa recreativa, onde se alza un monolito de pedra, cheo de pintadas, nin que observen o campo de tiro veciño, onde tamén estivo ubicado, parte do recinto. Todo o que alí topen, será decepcionante. No seu lugar, recomendo un paseo á beiriña do mar, no que abran o seu corazón, a esa parte da memoria colectiva que nos teñen roubado.        

 

 

 

Que sabes da intrahistoria dos lugares onde vives? Que sabes dos lugares que visitas en España? Ti tamén percibes, que che roubaron unha parte da historia? Cres que chegou o tempo de poñer palabras ó silencio?

1Comentario

  • PREMIOS SON MULLER. UN MOMENTO INOLVIDABLE

    04.01.2020 at 14:37 Responder

    […] en mis investigaciones. No os podéis hacer una idea, de su bravura y valentía. Y por último, a las mujeres que penaron por sus ideas en O Vello Cárcere de Lugo.  De alguna manera podía sentir, que estaban allí, mirando a […]

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!