O GATO CON BOTAS E AS MOEDAS DOS NOSOS PAIS

 

Ocurreu hai un ano nun taller de intelixencia emocional. Estabamos a facer un interesante exercicio por parellas, no que unha das partes preguntaba case sen deixar tempo para respirar: “Que queres?”.  O obxectivo era obter unha resposta, na que non interviñese a mente. Lembro que o interrogatorio rematou nun imprevisto: “Quero ser o gato con botas e salvar montañas coas miñas botas de sete leguas”. A miña compañeira obviou o asunto de que estaba a misturar o conto do Gato con Botas con Pulgarciño. Sorriu e díxome: “Queres que che conte o conto do Gato con Botas?”. Eu dixen que si, consciente de que non me lembraba moi ben da historia.

 

 

 

puss-on-boats

 

O Gato con Botas. Ilustración: Anónimo

 

 

 

 

“Había unha vez un muiñeiro que tiña tres fillos, un muíño, un asno e un gato. Os fillos tiñan que traballar no muíño. O asno tiña que traer o trigo e cargar a fariña. O traballo do gato era cazar ratos. Cando o muiñeiro morreu, os seus fillos repartiron a herdanza. O máis vello quedou co muíño, o mediano quedou co asno e máis novo co gato, xa que non ficaba máis nada”. 

 

Conto popular

 

 

 

 

 

De súpeto, as súas palabras cobraron un especial sentido para min. Que se agochaba tras ese gato pulgueiro, que tiña recibido como herdanza? Acaso non son a do medio e o gato  correspóndelle ao menor da fratría? Cal era o valor intrínseco deste legado, máis alén da súa aparencia?  Debía de laiarme por toda a eternidade, porque os meus irmáns tiñan recibido algo máis valioso? E si puidese tomar ese gato, entregado polo meu pai e a miña nai, cun fondo sentimento de gratitude?  

 

 

 

 

 

Esta é a proposta que fai Joan Garriga no libro “Onde están as moedas dos nosos pais?”, unha fermosa fábula que fala da importancia de tomar e agradecer a nosa verdade familiar. Este conto é unha invitación a tomar as moedas que nos foron dadas por eles no noso corazón, sen pór en dúbida a súa cantidade ou o seu valor. Nese momento, sentínme inmensamente agradecida por ter recibido un gato, que cando se calza as súas botas de sete leguas ao máis xenuíño estilo Pulgarciño, é quen de sortear todo tipo de atranco. Ao fin, todo cadraba. Aloumiñei as moedas, sentín o seu tacto nas miñas máns, escoitei o seu delicado tintineo e contemplei marabillada a variedade de cores, texturas e brillos.

 

 

 

 

 

Hai algún conto ou historia da túa nenez, que teña un especial significado para ti? Algunha imaxe empoderadora, que quedase gravada na túa retina? Tes probado algunha vez iso de pechar os ollos e visualizarte  cunhas botas de sete leguas? O quizáis cunha variña máxica ou unha capa dunha cor especial? Como te sintes cuns chapíns vermellos ou un traxe de astronauta? E se todo iso estivese nas moedas dos teus pais?

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*