AS FICHAS DE MORTALIDADE. UN RECURSO XENEALÓXICO INTERESANTE

 

 

 

 

Sabedes cal é o meu arquivo favorito? Pois, sen dúbida, o Arquivo Histórico Provincial de Lugo . O que máis me gusta é o seu horario ininterrompido, o espazo diáfano, as  cadeiras cómodas e os lapis afíadiños, que parecen dicir: “Úsame”. As persoas, que alí traballan, serven atados, libros e outros documentos, cunha dilixencia, que abraia. Adoro investigar, neste lugar.

 

 

 

Aínda que teño que recoñecer, que as xenealoxistas estamos en minoría, xa que moitas das persoas, que habitan este arquivo, andan á procura de información catastral. Polos planos despregados por riba das mesas e as fotos aéreas, coñeceralos.

 

 

 

O azar quixo, que o día do meu aniversario estivese alí, a investigar para outras persoas e tamén para min. Despois de todo, un dos meus propósitos para este ano, é avanzar na miña xenealoxía.

 

 

 

 

 

 

Xa coñecedes, o dito popular:

 

 

“En casa de ferreiro, coitelo de pau”.

 

 

 

 

Hai anos que busco a partida de defunción dunha media irmá do meu avó materno, unha “desterrada” da familia, da que non se falaba.  Despois de solicitar documentos a varios rexistros civís, escaravellar en libros parroquiais e preguntar a veciños e familiares, non topei nada. Agora manteño conversas esporádicas, cunha das súas netas, que se chama  coma ela. Esta muller non coñeceu á súa avóa, que morreu dun xeito accidental, moito antes de que ela nacese.   

 

 

 

 

Moitas veces, dende que souben da existencia desta “excluída”, tiven a sensación de atoparme nunha rúa sen saída. Aínda que tamén houbo progresos, coma o día que descubrín que a súa irmá morreu, sendo unha neniña. Ou cando a topei, no padrón de habitantes de Monforte, vivindo co seu marido e fillos. E tamén, cando falei por teléfono co pai dun amigo dunha amiga, que lembraba o día , no que ela morreu, cando caeu dun carro. Pero o momento en que máis perto estiven dela, foi cando ao fin, conseguín contactar coa súa neta, que agora vive en Barcelona. Pese a todos estes avances, aínda non a teño topado.     

 

 

 

           

 

 

 

 

Así que, decidín dedicar unhas horas a revisar as fichas de mortalidade, que están depositadas neste arquivo. Uns documentos, ordeados por anos e concellos. que abranguen os anos 1931-1986.  En cada ficha, indícanse nome e apellidos, sexo, estado civil, idade, profesión e causa da morte. 

 

 

 

 

Sei que pode parecer estraño, que celebre o meu aniversario, revisando fichas nas que se fala de  cancros de todo tipo, tose ferina, tuberculose, asfixia por inmersión, atropelos de ferrocarril, aforcamentos, mortes por explosión de pirotecnia, hemorraxias internas e incluso por acción de guerra, nun tempo, en que a guerra parecía que xa tiña rematado. Teño que confesar, que esta actividade espertou en min, un  algo de hipocondría e ansiedade.

 

 

 

 

Ata que apareceu el. Aí estaba o seu home, morrido en  nadal de 1938, de neumonía, nunha parroquia de Monforte de Lemos, nova para mín. Por fin, tiña un novo dato. A miña tía avoa enviuvou, con 40 anos! Seguín a buscar nos anos seguintes, sen resultados. De novo, xogaba a agocharse entre as sombras. 

 

 

 

Outra vez, tocaba agardar… Quizáis unha nova visita a Monforte, podería ser útil.  

 

 

 

Coñeces os fondos, que están dispoñibles para consulta nos arquivos do lugar, onde vives? Cal é o teu arquivo favorito? Que información da túa familia tes atopado, nestes lugares? De que morrían as persoas da túa familia?     

 

 

 

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!