CARDUME. AS VOCES DO PASADO

CARDUME. AS VOCES DO PASADO

 

A miña recomendación de lectura para este mes de novembro é “Cardume”, “opera prima” de Rexina Vega, gañadora no ano do 2007 do Premio Xerais de Novela e traducida, tamén ó castelán.

 

 

 

 

CARDUME. VOCES DO PASADO

 

 

 

 

Dende o primeiro momento fiquei engaiolada, con esta historia que comeza e remata nun camposanto. Xa sabedes do meu amor polos cemiterios!

 

 

 

Cando se ergue o pano, observamos unha avoa e unha netiña nun lugar do cemiterio de Pereiró en Vigo, que participan no ritual de limpeza anual e embelecemento do seu panteón. Eran tempos de crisantemos cortados nun vaso. Nada de plantas vivas! 

 

 

 

Antes de marchar, a nena turra da súa avoa para visitar a campa civil. Un lugar maldito do camposanto que nos anos da guerra, foi destino de persoas mortas, dunha forma nada civilizada. Nesta parte do cemiterio, os homenaxes eran segredos. Furtivos craveis vermellos deitados sobre a terra e furtivos tamén os vivas á República, berrados por mulleres anónimas.

 

 

 

Cando remata a novela, a rapaza acode o cemiterio xa soa. Todas as persoas que forman parte da historia morreron. A súa avoa e avó, a súa bisavoa e o seu irmán están xa mortos e mortas. Morreu tamén o curmán da súa avoa, Urbano Rodríguez Moledo , activista sindical e escritor, executado nas inmediacións do monte de Castro en decembro de 1936, despois dunha breve estancia en San Simón. E morreron tamén os vitimarios.             

 

 

 

 

 

 
Urbano Rodríguez Moledo

 

 

 

 

Rexina Vega é unha “neta da guerra”, aínda que xa sabedes que en Galicia non houbo guerra como tal. Houbo batallas como a de Vigo, que demoraron só dez días… Despois viría a brutal represión.

 

 

 

O terror foi a ferramenta usada para conseguir unha rápida adhesión ó bando dos sublevados. Axiña, todas as persoas pasarían a formar parte do cardume. Aínda, que neste intre teño que botar man da PNL, para preguntar: pero, todas todas?  E tamén, cal foi o prezo que tiveron que pagar estas persoas por integrarse ou máis ben agocharse nese cardume?     

 

 

 

 

 

 

 

 

 

“Cardume” 

 

 

Conxunto de peixes que van xuntos nun gran número 

 

 

 

 

 

 

A historia parte dun traballo de escaravellar e visitar arquivos, de recordar e resignificar os contos tantas veces escoitados e de poñer un pouco de luz, onde antes había sombras.

 

 

 

Dalgunha maneira, a xenealoxía ten moito diso. En certo modo, co meu traballo tamén traduzo voces en desuso para que sexan máis intelixibles. A verdade é que sempre quixen ser tradutora!      

 

 

 

Parabéns con retraso a Rexina polo premio a esta obra, ditada polas súas pantasmas! Debeu de ser máxico para ela, recibilo na illa de San Simón, no mesmo lugar onde Urbano penou, alimentado de medo e croques.  Tamén tivo que ser máxico atopar no Arquivo Militar de Ferrol, os seus manuscritos, entre os papeis da súa causa e proba incriminatoria.      

 

 

 

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!