A CHEGADA DO TREN A LUGO

O LUGO MENOS COÑECIDO. A CHEGADA DO TREN A LUGO

 

Estes días traballo no deseño dun capítulo moi especial de #OLugoMenosCoñecido, adicado ó 145º aniversario da chegada do tren a Lugo, no que descubriremos como este acontecemento mudou a fisionomía da cidade e a vida dos seus habitantes.

 

 

É moi emotivo para mín iniciar esta colaboración con Guido Alvárez Parga, falando do tren, xa que este acontecemento tivo un grande impacto tamén, na historia da miña familia paterna. 

 

 

 

 

 

 

 

Lembrades o meu avó Aurentin, co seu nome de flamante enxeñeiro francés? Ou a fuxida a Ourense en tren, desde Monforte de Lemos, de Aurentin e Julia para se casar ás agochadas?

 

 

En tren, viaxaron, probablemente os irmáns do meu avó e a miña avoa que emigraron a Cuba, dende o porto de Vigo. Tamén fíxoo o meu pai sendo ben cativo para ingresar no monasterio da provincia de Burgos, onde estudou. Anos máis tarde, cando desbotou a idea de ser cura, barallou a  posibilidade de ser ferroviario.  

 

 

Ás veces, pecho os ollos e trato de imaxinar a miña outra vida coma filla dun traballador do tren. Sería seguro unha vida ambulante, na que viviríamos en casiñas pegadas á vía. Soa ben! 

 

 

O meu pai sería o primeiro dunha saga familiar vinculada a este medio de transporte. E quen sabe se eu mesma, seguiría os seus pasos.

 

 

Desde a segunda metade do S.XIX,  había en moitos lugares e vilas de Galicia, un díxomedíxome continuo, que falaba de todas as cousas boas que o tren había de traer. Eran tempos de “mesianismo ferroviario”.

 

 

En 1873, nacía a primeira liña ferroviaria en Galicia, que comunicaba Santiago e Carril. En 1875  viría a conexión A Coruña-Lugo e en 1881, a  Vigo-Ourense. A comunicación coa meseta tería que agardar ata 1883.  

 

 

Unha boa mostra do espíritu do momento, que vía no tren unha solución a todos nosos males é o poema: “Na chegada a Ourense da primeira locomotora”, escrito por Curros Enríquez en 1881, que di así:

 

 

Vela aí vén, vela aí ven avantando,
 
comaros e corgas, e vales e cerros.
 
Vinde vela, mociños e mozas!
 
Saludaina, rapeces e vellos!
 
Por onde ela pasa,
 
 fecunda os terreos
 
espértanse os homes,
 
florecen os eidos
 
Vela aí vén, vela aí ven tan oupada,
 
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
 
que parece una Nosa-Señora,
 
una Nosa-Señora de ferro.
 
Tras dela non veñen
 
abades nin cregos;
 
máis ven a fartura,
 
e a luz e o progreso”
 
 
“Aires da miña terra” . Manuel Curros Enríquez

 

 

 

 

O tren estivo moi presente na obra deste poeta maldito, que tanta guerra deu cos seus escritos. 

 

 

Ás veces penso que a musiquiña dos seus versos, enmeigou ó seu fillo Adelardo Curros Vázquez (1873-1957) e tamén o seu neto Adelardo Curros Irazogui (1914-1999).  Os dous foron ferroviarios, quen sabe se por fidelidade a él.   

 

 

 

 

2 Comentarios

  • Marisé

    27.08.2020 at 07:34 Responder

    Fermoso relato

    • bisagras de papel

      28.08.2020 at 13:14 Responder

      Grazas, Marisé! Seguro que ti tamén tes querencia polo tren ou algunha historia de familia

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!