A INFANCIA DOS NOSOS PAIS. UN PARAÍSO VERDE E AZUL

   

 

Conta a lenda que as entrañas do monte Cornería agochan no seu interior, o tesouro de Maeloc, un enorme diamante de cor azul, ao que atribúen poderes extraordinarios. Din tamén que Maeloc era un xefe bretón que chegou a Galicia, fuxindo das invasións anglosaxoas e que fundou unha cidade chamada Britonia, a actual Bretoña.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Eu non coñecía esta historia. xa que a miña infancia transcurriu a centos de kilómetros ,deste lugar da Mariña lucense. Évos ben certo, que a miña nai tiña alimentado a miña imaxinación, con contos de tesouros escondidos, gardados por mouros e que estaba adestrada, para adiviñar a presencia de xigantes durmidos, no perfil das montañas. Tamén lembro un día que estaba en Foilebar, co bandullo cheíño,  despois dun abundante cocido.  O meu amigo Carlos sinalou unha das montañas nevadas e dixo: “Alí, hai un tesouro escondido”. Seguro  que este home tiña escoitado esa historia milleiros de  veces, cando era neno, ao calor do lume da lareira.

 

 

 

Emocionada, chamei ao meu cliente para preguntarlle se coñecía a historia de Maeloc. Había un mes e medio, que comezáramos a escaravellar na súa historia familiar, coa finalidade de facerlle un agasallo ao seu pai.

 

 

 

Durante este tempo, visitei varias veces o Arquivo Diocesano de Mondoñedo,  para extraer a información dos libros parroquiais de Vilaronte e Mondoñedo. Tamén, fun ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo, á procura de testamentos. E mesmo, aproveitei unha  visita a Madrid, para visionar os microfilms dos padróns de habitantes, no Arquivo da Vila. ¡ E topei auténticos tesouros!

 

 

 

Cando souben de Maeloc, estábamos en pleno proceso de materializar a información nunha árbore xenealóxica persoalizada. E definíramos xa os elementos, que debían aparecer na lámina: a casa familiar con hórreo, un cabalo chamado Lindo, vacas, unha cereixeira e a presencia silenciosa do monte Cornería, desde onde se albisca o río Masma, que verque as súas augas no  mar.

 

 

 

O meu cliente quería recrear a paisaxe da infancia do seu pai e do seu tío, do lugar no que se criaran e ao que nunca deixaran de pertencer.  A cor verde dominaba a composición, deseñada pola miña nova colaboradora, Marta Castro Abelleira, de Hei Castro. A dúbida era,  se agora debíamos incluír tamén, o mítico diamante azul.

 

 

 

 

 

Ao fin, decidimos que o tesouro permanecería escondido, no interior do Cornería. A  imaxe deses dous pícaros, rodeados de todos eses elementos era pura maxia. Tiña un aquel de País de Nunca Xamáis de Peter Pan. A visión do conxunto, trasladaría automáticamente ao pai do noso cliente, a esa infancia estrañada en Vilaronte, de onde o arrincaron na idade adulta, para vivir nun entorno urbano.

 

 

 

 

 

 

 

 

Namentres avanzábamos no traballo, pensaba en que paisaxe recrearía, se tivese que regalar unha árbore xenealóxica, ao meu pai. Quizais, lle pediría a Marta Castro, que o debuxase, a camiñar polas viñas da Ribeira Sacra de Ourense, dende Abeleda ata Alais, cun marteliño de xoguete na man. 

 

 

 

Esta é unha das poucas lembranzas da súa nenez, que compartiu comigo. Contoume que eran as festas en Alais e que subía contento polos pataos á casa dos avós, co seu martelo novo. De súpeto, lembrou que alí tamén estarían os seus primos, superiores dabondo en tamaño e forza física. Así pois, decidiu agochalo entre as pedras dun dos valados. Cando voltou, ao día seguinte, xa non estaba.

 

 

Polo Nadal pasado, pedínlle aos Reis un marteliño. Seica debín de ser boíña, porque trouxéronme un ben xeitoso. Gústame tómalo entre as miñas mans, para lembrar que o meu pai, os meus avós, os meus bisavós e tataravós foron algún día, nenos. Ás veces, sinto o pulo de abrazar a todos eses pequenos. Dalgunha maneira, cando os abrazo a eles e coma si me abrazase tamén a min.   

 

 

 

 

 

 

Se tiveses que recrear a paisaxe da infancia do teu pai, que elementos escollerías? Que cousas sabes da infancia das persoas, que che precederon? As persoas da túa familia son máis de contar ou de calar? Teñenche falado dos seus xogos? Teñenche contado das persoas e animais, que lles arrodeaban e sostiñan?       

 

 

 

 

 

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*