A VODA DOS MEUS PAIS. UN TESOURO AGOCHADO NUN CAIXÓN

 

 

Os camiños da xenealoxía son inescrutables. Por estraño que pareza, esta foto en cor dos meus pais, viu a luz, hai tres anos. A imaxe é un instante conxelado, dun pequeno rolo de película, que permanecera esquecido, demasiado tempo. 

 

 

 

 

 

 
Fotograma: Campás de Voda

 

 

Descoñezo como foi a secuencia exacta dos acontecementos. Só séi que o meu pai morría irremediablemente. E que a miña nai, irrompeu no salón, con ese pequeno obxecto na man e manifestou o seu desexo, de revelar o seu contido. Ninguén podía sospeitar entón, que o noso patrimonio audiovisual, contaba con esas imaxes en color e movemento, do día no que todo comezou. 

 

 

 

Aos poucos días, o meu pai morreu, sen chegar a velas. Era un minuto de gravación, que fomos quen de transformar, nunha pequena curta de cinco minutos. Alí estaban eles radiantes, fermosos e inxenuos, camiñando hacia a vida, sen medo. Alí, rodeados de familiares e xente querida… E tamén de olladas curiosas, que buscaban contaxiarse, dese momento de celebración.

 

 

 

 
 
 
Fotograma: Campás de Voda 

 

 

Quen son eu? A resposta podería estar neste instante máxico. Era o último día de verán de 1961, cando en Castro Caldelas, unha vila da provincia de Ourense, casaron os meus pais. Ese mesmo día, en Estados Unidos, o matrimonio Hill, foi raptado por extraterrestes… E nas emisoras de todo o mundo soaba Surrender, de Elvis Presley. Eu viría nove anos despois e son unha estraña mestura, destes dous seres, únicos e irrepetibles.  

 

 

Moitas veces penso, no que diría o meu pai se puidese ver estas imaxes. Diría de verdade iso de: “Desfrutade da visión dos brazos entrelazados dun ribeirao e unha montañesa, que se dirixen hacia o futuro sen medo?” Ou diría tamén: “É importante que saibades, que ese día, escollín a mellor nai para vós“?. 

 

 

Agora xa non lle podo preguntar. Simplemente dou as grazas a miña nai por ter compartido con nós, este tesouro. E fantaseo cada día, coa idea de atopar outros novos, acochados nos caixóns e armarios da casa familiar. Xa sabedes que a xenealoxía non se constrúe somentes con documentos oficiais. Precisa tamén de fotos, gravacións, diarios, cartas e incluso obxectos persoais, esquecidos nos lugares máis insospeitados.

 

 

 

E ti, tes topado algún tesouro, vixiado con celo, por algunha persoa da familia? Que cousas cres, que se ocultan na túa casa familiar? Que soñas con topar algún día?

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.