A DIXITALIZACIÓN DO REXISTRO CIVIL CENTRAL.

 

O novo ano ven cargado con novas promesas de dixitalización, como a dos documentos custodiados polo Rexistro Civil Central. 

 

 

A primeira vez que solicitei unha certificación ó Rexistro Civil Central . foi no meu primeiro traballo de investigación.  O pai do meu cliente morrera nun pesqueiro con base en Namibia. A súa defunción quedou rexistrada nos libros da sección consular da Embaixada de España en Namibia, con sede en Windhoek.

 

 

Dende aquela teño solicitado moitos outros certificados, correspondentes a nacementos, casamentos ou mortes de persoas de nacionalidade española, residentes no estranxeiro. Estou segura de que na vosa historia familiar, hai alomenos unha persoa, que probou fortuna noutros territorios.  Non si ? E máis, no caso concreto de Galicia! Xa sabedes da manía que teñen os galegos e galegas por viaxar!

 

 

A miña experiencia con este tipo de peticións é variada. Houbo ocasións na que tiven que agardar  ata seis meses, para recibir resposta. Noutras,  no entanto, teño recibido o certificado en moito menos tempo. É bonito ter noticias do nome dunha rúa en Bos Aires ou na Habana, saber en que traballaban os nosos avós e avoas ou descubrir a causa específica da súa morte.

 

 

Pódese facer esta solicitude, a través da sede electrónica do Ministerio de Xustiza, seleccionando a opción de rexistro central. Este organismo ubicado en Madrid garda una copia dos libros consulares, das embaixadas de España polo mundo.

 

 

Cómpre, iso si, indicar a data e lugar exacto do evento. Ata hai pouco, o persoal que traballaba nesta oficina tiña que facer a busca maiormente de forma manual.     

 

 

A boa noticia é que estes libros están agora en proceso de dixitalización. Isto facilitará ó acceso á información de moitas persoas, que morreron “lonxe da terriña” ,  como dicía a balada galega, composta polo músico e compositor lucense Xoan Montes.   

 

 

Lembrades esa bonita canción con letra escrita, polo poeta Aureliano Pereira?  Esa que falaba de moriña, angustias e alalás?  

 

 

 

 

 

 

 

   

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!