A ESTRAÑA VIAXE. MORRIÑA DE SEFARAD

 

 

Hai unhas semanas, cando escaravellaba nos libros de bautismo da igrexa de San Pedro en Lugo, din cunha unha rara notación do verán de 1862, que dicía bautismo de adultos.     

 

 

 

Os adultos bautizados eran realmente dúas mulleres, nai e filla, naturais da cidade de Tetuán, en África, educadas e criadas na relixión hebraica. A nai era Reina Secri, de vintesete anos, filla de Juda Secri e Semita Levi. A filla, Semita Ermaná, de oito anos, filla da devandita Reina e de Jacob Ermaná. No intre do bautismo, mudaron os seus nomes. A nai,  por Florentina e a súa filla por Teodora. A madriña destas dúas misteriosas mulleres era Dª Teodora Sánchez.

 

 

 

Abraiada polo achado, seguín a follear no libro, coa esperanza de caciñar algo máis. Velaí estaba… Uns meses máis tarde, na primavera do ano seguinte, outra filla de Reina, daquela Florentina, recibía o bautismo, no mesmo lugar. Tratábase dunha muller duns quince anos, coñecida entre os seus, por Mesoda. O nome cristián que elixiu foi Rita, igualiño ca súa madriña, Dª Rita Fernández Cuevas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Todo parecía sinalar, que as tres mulleres chegaron a Lugo xuntas, aínda que o motivo do desprazamento, era un misterio para mín. Pechemos os ollos e imaxinemos á malpocada familia de Reina saíndo, ás présas, dalgún lugar de España hacía África. Isabel e Fernando viñan de asinar o Edicto de Granada, en marzo de 1492, que ordenaba a expulsión dos xudeus. Posteriormente, a familia botaría raíces en Tetuán. E as súas mulleres serían aleitadas, xeración tras xeración, con cancións que choraban a perda. A nostalxia de Sefarad quedou incrustada no seu ADN.   

 

 

 

 

“Arvoles yoran por luvias

 

y muntanyas por ayres

 

Ansí yoran los mis ojos

 

Por ti kerida amante

 

Torno i ti digo: ke va a ser de mí?

 

En tierras ajenas yo me vo murir…”

 

Canción tradicional sefardí

 

 

 

 

 

Pasados catrocentos anos, outra raíña irrompe en escena. Estamos a falar de Isabel II, que declara a guerra a Morrocos. É a primeira guerra hispano-marroquí, que comeza en nadal de 1859 e remata o 26 de abril do ano seguinte co tratado de Wad-Ras. Pois ben, un dos episodios clave desta guerra, foi a Batalla de Tetuán. Visualicemos agora ás tropas españolas, cando entran en Tetúan e son sorprendidas pola presenza dunha morea de homes e mulleres, que os reciben como liberadores, dando vivas nunha lingua, que se asemella ao castelán. Podedes escoitar a palabras de benvida de Reina e as súas fillas? 

 

 

 

 

 

“¡Bien venidos! ¡Viva la Reina de España!¡Vivan los señores!- gritaban en castellano aquellas gentes; pero un acento especial, enteramente distinto del de nuestras provincias” 

 

Pedro Antonio de Alarcón. Diario de un testigo de la guerra de África. 1859

 

 

 

 

Retrato de Isabel II

 

 

 

 

En pouco tempo, Reina e as súas fillas embarcánse nunha viaxe, que as leva por fin á súa amada Sefarad. Descoñecemos se esa viaxe foi forzosa ou voluntaria. Imos pensar que se integraron no servizo doméstico dalgunha familia de militares, ao mando de Dª Teodora e Dª Rita. Serían as súas piadosas amas, as que se ocuparían de educalas cristianamente e bautizalas. Ese era o prezo, que tiveron que pagar, polo seu regreso. A matria recibíaas sí, pero con condicións. Pasaran case catro séculos e aínda non había liberdade de culto en España. A sombra de Isabel A Católica é alongada.

 

 

 

Hai historias de desterro na túa familia? Houbo persoas perseguidas polas súas ideas relixiosas ou políticas? Que pegada deixou esa experiencia na túa familia? Fantaseas coa idea de ter ascendencia xudea? Que contan as túas probas de ADN?    

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

1Comentario

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.