VIUDA DE VIVOS

PENÉLOPE E OS PRETENDENTES. DE ÍTACA A FRIOL

Esta historia que agora vos conto estaba agochada nun atado de documentos, que recolle peticións realizadas por homes e mulleres de distintas parroquias de Lugo, ó bispo da diócese.  

 

 

A meirande parte destes pedimentos están relacionados co afán da persoa solicitante de contraer matrimonio.

 

 

Hai expedientes de celibato, de matrimonio segredo e outros coma este, que persiguen obter a declaración de viuvez da contraente.   

 

 

Os personaxes   

 

 

CARMEN, a nosa Penélope, era unha muller de vintecinco anos, natural de San Martiño de Condes, en Friol, de estado civil casada, aínda que mellor sería que fose viúva.

 

 

Convivía na mesma casa familiar coa súa nai viúva e dúas irmás máis novas.  

 

 

VICENTE, o noso Odiseo, estaba ausente en América, onde fora, co obxecto de adquirir fortuna, dedicándose ó traballo.  

 

 

Carmen xa perdera a conta do tempo que pasara, sen recibir novas del.

 

 

O único que conservaba era una carta enviada dende as minas de Firmeza, onde fora xunto con outros paisanos. F-I-R-M-E-Z-A. 

 

 

Vicente fixera a promesa firme de que regresaría. Axiña xuntaría diñeiro para a pasaxe e para comprar unha boa leira. Pero, o tempo pasaba. Nin cartos nin cartas! S-I-L-E-N-C-I-O.

 

 

Ela non quería pensar en todos os perigos, que axexaban ó seu home.  Tiña escoitado moitos contos de enfermidades e de accidentes nas minas. E agora estaba ademáis todo ese tema da guerra. 

 

 

O tempo pasaba e os pretendentes chamaban á súa porta.

 

 

Chegan novidades de América

 

 

En outubro rematou o misterio.

 

 

TOMÁS, un veciño da parroquia de Santa María de Xiá, que acababa de regresar de Cuba, visitouna para contarlle que, “hallándose trabajando en las minas de Firmeza en la provincia de Santiago de Cuba, se encontró con Vicente y continuó en compañía del mismo en dichas minas hasta el mes de junio, en que le consta que falleció en el Hospital de Trinidad, a causa de una puñalada que recibió en una casa de juego”.

 

 

As súas palabras foron outras, pero copio literalmente o seu testemuño tal e como figura, no expediente que se conserva no arquivo, co título “declaración de testigo”.

 

 

Carmen choroulle o xustiño. Só Deus sabe cantas bágoas derramara xa por el! 

 

 

O morto ó foxo e o vivo ó bolo

 

 

En lugar de seguir a penar por el, aplicou o refrán de “el muerto al hoyo y el vivo al bollo”.

 

 

Pasados tres meses, a viúva do defunto tivo oferta “de una buena colocación por medio del matrimonio”, que esperaba contribuíse a remediar a delicada situación económica na que se atopaba. Si, oístedes ben! Daquela e por raro que pareza, o casamento era unha colocación.

 

 

En calquera outra circunstancia, o señor párroco de San Martiño de Condes habería solicitado un certificado de defunción ó Hospital de Trinidad e Carmen tería a súa carta de liberdade, para casar en segundas nupcias.

 

 

Pero eran tempos de desorde e caos en Cuba e no hospital bastante tiñan con atender ós feridos de guerra.

 

 

O 24 de febreiro de 1895, Oriente berrou nunha Cuba que quería deixar de ser colonia e conseguir esa comunicación de defunción era tarefa imposible.

 

 

José Martí cruzárase sen querelo na vida de Carmen.

   

 

Por iso, a nosa viúva pregou ó bispo que por favor escoitase o relato de Tomás, a única testemuña do infortunio de Vicente,  

 

 

Finalmente e dado o excepcional da situación, Carmen pudo casar, co beneplácito da igrexa.

 

 

A recén viúva atopou así “unha boa colocación”, pero antes fixo prometer ó seu home que nunca buscaría fortuna en América e advertiulle que estaba totalmente prohibido  xugar ós prohibidos.

 

 

 

 

Houbo viúvas de vivos na vosa familia? Algunha historia de mulleres, que nunca soupesen do verdadeiro destino dos seus homes en América? Algunha de fillos e fillas, marcados pola ferida do abandono? 

 

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!