
Regalo xenealóxico, á vista.
O meu tío Manolo pronto cumprirá cen anos.
Por moito que repaso a miña xenealoxía paterna e materna, non dou atopado a ninguén desa edade.
Hai bastantes nonaxenarias, pero ninguén que chegase a esa cifra mágica dos cen.
Isto merece un festón e un regalo moi especial.
Hai meses que traballo en segredo na súa xenealoxía, coa idea de sorprendelo.
Por onde empezo?
El é o meu tío político, polo que parto case de cero.
Afortunadamente, conto coa axuda cómplice da súa filla.
Grazas a ela, xa fun quen de deseñar unha árbore xenealóxica moi básica, que inclúe tres xeracións.
Tamén mantiven varias conversas con el, sobre a súa historia de vida.
Manolo naceu en Alais, en Castro Caldelas.
Uns socalcos de viñedo separábano da casa da miña tía, nacida na parte alta de Abeleda, en A Teixeira.
Eran concellos limítrofes, separados por unha frontera difícil de delimitar.
Un e outra tiñan familia en Abeleda e Alais.
Non lle preguntei a Manolo como e cando se coñeceron.
Gústame imaxinar que foi en agosto, cando San Lorenzo chora.
Os dous mirando ó ceo, escoitando o chío das cigarras.
Despois viría o matrimonio, o seu primeiro fillo e un deambular por distintos lugares, ás veces el de avanzada e outras coa familia ó completo, ata que se asentaron definitivamente en Ourense.
Valencia, Brasil, Argentina, Alemania e Ourense.
A aldea non era unha opción de vida, pero si un lugar ó que regresar.
A cidade como unha paréntese.
Durante décadas, seguiron cultivando a terra e coidando as viñas. Idas e venidas da cidade ó campo e do canpo á cidade, portando pequenos tesouros, que lles servían para lembran quen eran.
Cuando Manolo naceu, o Sil aínda corría libre.
Non había hordas de turistas na Terra de Caldelas e tampouco existía o xeodestino Ribeira Sacra. O miradoiro das Penas de Matacás non tiña aínda o banco máis bonito do mundo ou esa plataforma que hoxe colga, sobre o cañón.
Pero, voltemos á súa árbore.
Xa teño recibido os primeiros certificados do xulgado de paz de Castro Caldelas, un dos máis eficientes do mundo.
E esta semana subirei ó outeiro, onde está o edificio que alberga o Arquivo Diocesano de Ourense, para escaravellar nos libros de San Pedro de Alais e San Paio de Fitoiro, que pertencen ó arciprestado dos Milagres.
Líchedes ben! Fitoiro en Chandrexa de Queixa. Toca viaxar de novo, a ese lugar máxico no que a miña avoa foi Heidi.
Canta emoción!
Non hai comentarios