MESODA ERMANÁ E O TROMPETA DE TETUAN

 

 

 

Lembrades a Reina Secri e as súas fillas Semita e Mesoda, chegadas de Lugo, dende Tetuán? Lembrades os bautismos solemnes, nos que mudaron os seus nomes por Florentina, Teodora e Rita Manuela? Cal sería a razón da súa extraña viaxe?  

 

 

 

Pois ben, a peza que faltaba para compoñer o crebacabezas, estaba nos libros da igrexa de  San Pedro, en Lugo. 

 

 

 

Nas súas páxinas din cunha notación, que falaba do bautismo dunha nena, a quen puxeron o nome de  María Isabel.  A nena nacera en Tetuán, un mes antes da celebración do  bautismo! Era filla de Mesoda Ermaná Secri, natural de Tetuán, “hebrea de nación y profesión”. O seu pai era Rosendo Coll García, un soldado músico do rexemento de infantaría Valencia, natural de Alcira. María Isabel era filla da ocupación española de Tetuán. Mesoda e Rosendo coñecéranse nesta cidade africana. E a nena que agora bautizaban, era o froito dos seus “amores ilícitos”.   

 

 

 

O seu padriño foi D. Carlos Saenz Delcourt, coronel do reximento Valencia. Este home era un militar de alto rango, que viña de ser trasladado ao norte, despois de estar  destacado en Tetuán. Con él, trasladouse tamén, Rosendo Coll, soldado do mesmo rexemento e todas as mulleres da familia de Mesoda, a súa nai Reina, a súa irmá Semita e a súa filla Isabel.   

 

 

 

Cando descubrín, que o pai da nena era músico, a letra de Ligia Elena viu á miña cachola.  E se a historia de Mesoda e Rosendo fose similar á de Ligia Elena e  o seu trompeta? O meu lado romántico levábame a mover os meus pes ao ritmo da famosa canción de Rubén Blades. A historia da infiel e o soldado era tamén a historia dun amor prohibido.  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

E se esta historia tivese outro lado, menos amable?  Mesoda era somentes una mociña de quince años,  cando quedou embarazada ( ou quizáis menos) e Rosendo un soldado do exército, moito máis vello. Voltemos á toma de Tetuán e ao asombro dos soldados de O´Donell, cando descubriron un grupo de homes e mulleres, que lles recibían con vivas. Neste punto da historia, paga a pena reler as palabras do cronista Pedro Antonio de Alarcón.     

 

 

 

 

“Las hembras llamaban, sobre todo, nuestra atención… ¡Ya veíamos mujeres! Habíalas muy bellas…, y

chocábanos en particular la precoz pubertad de algunas muchachas, así como el que, tanto estas como

otras mozas más formales, y hasta las mujeres hechas y derechas, estuviesen casi desnudas, especialmente

de la cintura para arriba.

 

Según he sabido luego, tamaña desvergüenza es vicio inveterado de las hebreas, llevado hoy a la

exageración por las de Tetuán, para afectar suma pobreza, en virtud de un miedo ruin a que las

creyéramos ricas y acabásemos de robarles lo poco que, según aseguran, les han dejado los Moros…”

 

“Diario de un testigo de la Guerra de África” Pedro Antonio de Alarcón. 1859

  

 

 

 

 

É evidente que esas mulleres indecentes e bravas tiñan que ser salvas da escuridade e que o seu bautismo era o camiño máis dereito. Conta a historia, que dende o primeiro momento, as autoridades españolas afanáronse en axudar á comunidade hebrea de Tetuán. A Dimna islámica permitíralles ás persoas xudeas permanecer baixo a protección do Sultán, sen ter que renunciar á  práctica da súa relixión, dende a súa chegada a Tetuán. Pero, en troco eran discriminadas, pola súa condición de infieis. Infieis era tamén para as autoridades españolas, que non agochaban o seu desexo de domalas, por medio da relixión.    

 

 

 

 

De feito, a guerra de África, conta Isidoro González, no seu libro: “El retorno de los judíos” (1991), estivo inspirada por un espírito evanxelizador, que se materializou “en la protección dada a los hijos de madres solteras judías, con el fin de que evitar que pasasen a la comunidad hebrea,  y así ser educados en la religión católica”.   O autor cita no seu  libro varios casos de nais, trasladadas á Península cos seus bebés, para ser bautizadas.  Este debeu de ser o caso de Mesoda e a súa filla. E tamén o de Reina e Semita. As nosas megorashim” , termo co que eran coñecidas, as persoas xudeas expulsadas de España e asentadas no Norte de África, abrazaban por fin o catolicismo, grazas á  xenerosidade de Isabel II.    

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Que foi destas mulleres? Grazas a Family Search, souben que Rosendo Coll, a súa dona Rita Manuela Ermaná (antes Mesoda) e Isabeliña voltaron a Alcira, de onde él era natural. Alí, Rosendo traballou como “sillero” ou vendedor e reparador de cadeiras. Mesoda fíxose chamar Manuela a secas. E os seus apelidos mudaron a Hermanant Escrí. Alí naceron tamén María, Purificación, Manuel e Juan.  Da nai e irmá  de Mesoda, nada souben. Aínda, que non perdo a esperanza. Axiña, aparecerá un fío do que turrar.     

 

 

 

 

Que sabes da intrahistoria das mulleres da túa familia? Que sabes das circunstancias dos seus matrimonios? Os seus fillos e fillas foron froito do amor ou da violencia? Hai historias de amor na túa familia, que transgrediron a norma social?       

 

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!