Estou certa de que a meirande parte dos mortais, preguntarase que tipo de pracer pode haber en pasar horas e horas, entre libros e atados luídos, de escritura moitas veces ilexible, en arquivos de todo tipo de pelaxe e condición.
A vida da investigadora familiar non é fácil. É por iso, que teño desenvolvido estratexias de evasión ou fuga, que me axudan a vencer o aburrimento xusto cando asoma.
Ocorre entón que un nome, unha doenza, unha profesión ou un feito determinado de persoas alleas á miña busca, chámame poderosamente. Cando isto pasa, son consciente de que me estou a desvíar do meu obxectivo. Pero que sería das nosas vidas sin eses momentos de evasión? Acaso a disociación non é unha estratexia de supervivencia?
Confeso que as miñas recientes visitas ao Arquivo Diocesano de Lugo, para escaravellar nos libros parroquiais de Santiago de Fontaneira, teñen sido abundantes en momentos de fuga.
Un deses momentos xurdiu coa lectura casual dunha inscrición de trinta de maio de mil oitocentos trinta e seis, que fala da morte de varias persoas, en acción contra os facciosos. Que andarían a facer uns facciosos carlistas no lugar de Trabeiro da parroquia de Santiago de Fontaneira? Tiña a idea de que os carlistas eran uns tipos con enormes boinas vermellas, que loitaron pola causa dun tal Don Carlos, principalmente en Navarra e País Vasco. O carlismo sóname a Zumalacárregui e a aperta de Vergara, pero descoñecía que a campaña carlista tivese chegado a Galiza. Cando eu estudaba, a Historia adoitaba a ser unha sucesión de datas e nomes, que tiña que ser aprendida de cor para aprobar os exames. Non se falaba da historia de Galiza ou da historia local. Cando din cos facciosos do Trabeiro, o meu estado inicial foi de abraio e incredulidade. Logo veu a busca de información e lectura de material sobre o tema.
A aperta de Vergara. 1839
Grazas á lectura de “O Carlismo Galego” de Xosé Ramón Barreiro Fernández (Ed.Laiovento), descubrín como o carlismo estivo presente en Galiza co apoio do clero e da fidalguía. Souben das partidas carlistas que actuaban en moitos lugares de Galiza , incluíndo a contorna de Burón, perto da Fontaneira. Puiden sentir, o espanto do campesiñado galego, atrapado nunha guerra allea e atemorizado polos castigos exemplares que carlistas e liberais, aplicaban ás persoas que colaboraban co outro bando e os seus familiares. Pregúntome como vivirían os labregos de Fontaneira o suceso de Trabeiro descrito a modo de crónica, polo cura párroco de Santiago de Fontaneira, Francisco Méndez Monasterio:
“En treinta de mayo de mil ochocientos treinta y seis, yo Francisco Méndez Monasterio, cura párroco de Santiago de Fontaneira, di sepultura eclesiástica a los cadáveres de seis hombres que quedaron muertos en el lugar de esta parroquia en el veintinueve de dicho mes, de resultas de haberse dado fuego contra los furiosos carlistas de la Fontaneira hasta el Trabeiro. D.Pedro de Neyra, comandante de la Guardia Nacional, su hijo José Neira, Juan Fernández y José González de Santa María de Fonteo, estos cuatro eran de la Guardia Nacional; Pedro Brañas, hijo de Antonio Brañas y Pedro Fuerte, este residió algún tiempo en Chan y estos dos, dicen, eran carlistas; Se enterraron todos con la decencia debida, que asistió el presbítero Francisco de Pin y una multitud de almas devotas y no ocurrió otra cosa”. Libro de Defuntos. III. Santiago de Fontaneira
Gustaríame saber se os que delataron a presenza dos facciosos terían medo das represalias dos carlistas que operaban na zoa. Pregúntome tamén se o cura párroco de Fontaneira sería carlista na intimidade. Gustaríame poder penetrar as mentes e corazóns desas multitudes de almas devotas, que asistiron ao enterro dos que morreron no enfrontamento.
Que sabes da intrahistoria dos teus antepasados? Como afectarían as guerras carlistas ás súas vidas? Serían vítimas de actos de violencia? O quizais verdugos? Ou serían simplemente medorentas testemuñas silenciosas de tanto horror?
Non hai comentarios