MR. POSTMAN. MOMENTOS DE GLORIA

 

 

 

Lembrades que hai un tempo, que vos tiña ameazado, cunha serie de entradas, dedicadas a momentos de gloria? ¡Pois velaí vai, un deses momentos!  E como do que se cre, créase, vou tentar visualizalo.

 

 

Pecho os ollos e obsérvome de volta a Lugo, despois duns días de descanso e arquivos en Compostela. Entro no portal, diríxome á caixa do correo, miro a través da ventaíña e albisco varios sobres avultados, amoreados no seu interior. Abro a caixa con emoción e aí están sobres, procedentes de rexistros civís e xulgados de paz de moitos lugares.  Algúns, correspóndense con mandados que fixen, hai unha semana e outros con mandados de  meses. Hai un sobre xigante de Motril! E outro de Silleda! Abro os sobres, cun chisco de nerviosismo,  e sorrío porque, agora si, xa teño un fío do que turrar. Novas  pezas para ese quebracabezas interminábel, que axudan a componer a nosa  historia familiar.

 

 

 

 

 

Debo de recoñecelo… As xenealoxistas non somos ninguén, sen o noso carteiro. Ou quizáis, a vosa, é unha carteira?  Somos seres anacrónicos, que seguimos a abrir a caixa do correo, con desexo e contemplamos a moto amarela estacionada na nosa rúa, coma un presaxio de boas novas. E isto seguirá a ser así, alomenos, mentres non se leve a cabo a dixitalización do rexistro civil .

 

 

Aproveito este domingo de finais de verán, para dedicar uhna canción a ese carteiro, que me ten proporcionado tantos momentos de gloria. Por sorte, a canción encaixa perfectamente, xa que o meu é Mr. Postman.  Unha marabilla de The Marvelettes!

 

 

 

 

 

 

 

E ti, tes experimentado momentos de gloria no teu proceso de investigación xenealóxica? Tamén, sintes emoción, cando abres a caixa do correo da túa casa? Ollas para o teu carteiro ou carteira, con desexo?

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.