O RAQUITISMO. UN MAL DOUTROS TEMPOS

 

 

 

Por fin  chegou o verán, así que pode que alguén de vós estea agora a  gozar do sol e da auga, nalgún río, piscina ou á beiriña do mar. É pensar no sol e lembrar a mítica frase de Super Ratón: No olviden supervitaminarse y mineralizarse”. Definitivamente, as súas raiolas son fonte de vida, que axudan ó organismo, a absorber vitamina D.

 

 

 

 

 

 

 

 

Mentres boto a crema para me protexer do sol, penso nunha neniña natural de Friol, que morreu con só dous anos, aló polos anos cincuenta.  A causa da súa morte, segundo puña nos papeis, foi raquitismo. Dese mesmo mal, endémico en Galicia, dende o tempo dos mouros, morreran antes centos de nenos e nenas.    

 

 

 

Disque, esta doenza estaba relacionada cun déficit de vitamina D durante o embarazo e a lactación e tamén coa escasa exposición á luz solar.  Os pequenos, que padecían o “tarangaño”,  que así se chamaba, tiñan a cabeza anormalmente grande para a súa idade, falla de ton muscular nas pernas, o peito afundido, o ventre grande e abultado e dificuldades para botar a andar.  

 

 

 

A neniña non foi quen de se salvar do mal, a pesares de vivir moi preto, do santuario da Virxe do Ermo, en Carlín. Este lugar era a meta final dun paseo ritual, practicado desde tempos inmemoriais.  O percorrido ía das pedras dun sortego ubicado na parroquia veciña de Trasmonte as da fonte de Carlín, nunha especie “de oca a oca”.   O rito descrito con detalle polo antropólogo Antonio Fidalgo Santamariña, no seu libro “Antropología dunha parroquia rural”, incluía penedos, auga, salmodias e a intervención obrigada dunha muller, chamada María.

 

 

 

Se a nosa pequena vivise en Barbadás, levaríanna á pedra furada  de San Benito de Cova de Lobo, nun ritual no que tamén habería pedra, auga milagreira, a intervención dunha “María”  e a repetición destas palabras: “ten conta santiño, do meu tangariño, doente cho deixo, devólvemo san”.  

 

 

 

 

 

 

 

A evidencia física da celebración destas cerimonias eran as roupas vellas do entangarañado, espalladas, preto da pía ou das pedras. De feito, ó pé da pía de Carlín, aínda hai farrapos vellos colgados dun arame. Pregúntome, se algún estivo en contacto coa pel da nosa malpocada. 

 

 

 

Houbo tempos en que a mortalidade infantil era moi alta. Daquela os andazos, os cocos ou o tarangaño aparecían como causa de morte nos certificados, cunha nota marxinal que decía “párvulo”. Eran persoas, obscenamente novos e novas para morrer.

 

 

 

Que sabes da intrahistoria da túa familia? De que morrían os nenos e nenas? Hai alguna testemuña gráfica ou oral da súa breve existencia? Algunha dor conxelada para sempre na alma familiar?    

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!