PROUST E O LIBRO PARROQUIAL QUE ULÍA A DDT

Un libro parroquial é  unha caixa de sorpresas.

 

 

Ás veces topo entre as súas follas listaxes da compra, publicidade de casas especializadas en artigos relixiosos, estampiñas de santos, cromos, calendarios, pequenos apuntes contables… Encántame compartir fotografías destes achados, nas miñas redes sociais.   

 

 

Outras, descubro índices escritos con letra inmaculada e anotacións na marxe, feitas por un sacerdote pragmático. Ou unha letra que muda cos anos e fala da decadencia física do escribente.  

 

 

Tamén adiviño, en ocasións, persoas con inquedanzas literarias ou artísticas: unhas caveiras debuxadas nun libro de mortos, un plano da igrexa que indica o lugar, onde está enterrado cada defunto, a crónica pormenorizada dun suceso ou a descrición exacta das roupas dunha muller anónima.

 

 

E, por último están as cheirumes a tabaco ou humidade, que se adhiren dunha forma persistente ás follas de papel. Tenvos pasado algunha vez?  

 

 

A experiencia de investigar en libros en formato físico, nada ten que ver con aquel anuncio de EVAX , que dicía a que ulen as nubes.

 

 

Os libros parroquiais ulen ós seus custodios e ós lugares, onde estiveron almacenados.

 

 

Unha vez, topei un libro parroquial, que tiña trazas de DDT.

 

 

O olor dese insecticida en pó, agora prohibido, tiña impregnado as súas follas. E como unha madalena de Proust espertou en min, lembranzas antigas.

 

 

Lembranza 1: Eu, agachadiña no horto da miña tía María, xogo cun escaravello da pataca e sinto o formigo das súas patiñas nas miñas mans. É para min, un insecto amigo. Intúo que, co paso dos anos, metamorfoseareime tamén en escaravello.   

 

 

Lembranza 2: Eu, na antiga corte da casa da miña tía María, manipulo o fol de madeira, co que se aplica o veleño. Non sei, se se garda nunha caixa de cartón ou nun saco de papel… Ten, iso si,  un escaravello da pataca, debuxado no exterior. E talvez  a advertencia: “Manter fóra do alcance dos nenos”.  

 

 

Polo borroso das imaxes, calculo que serían mediados dos anos 70.   O uso do DDT aínda non estaba prohibido en España, pero si en Estados Unidos.

 

 

Daquela, eu non sabía da existencia do ensaio de Rachel Carson, titulado “Primaveira Silenciosa”, primer manifiesto ecoloxista, que alertaba sobre os usos deste e doutros  produtos químicos.  

 

 

Seguín pasando as follas do libro con parsimonia, deixándome invadir por ese arrecendo a infancia. Confeso que só por uns breves instantes, maldixen a dixitalización dos arquivos.

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!