RESEÑA: RAMS (O VAL DOS CARNEIROS) OU AS DESORDES DO AMOR

¿Cres que es unha persoa rancorosa? ¿Canto tempo tes sido quen de amosar o teu enfado a un amigo, compañeiro de traballo ou familiar? Os personaxes desta película son irmáns e veciños, que manteñen un silencio entre eles, de máis de cuarenta anos. Son carneiros humanos.

 

Non sei, se en Islandia, existe o dito: “Non hai maior desprezo, que no dar aprecio”. Se non existe ese, existirá algún outro parecido. En inglés, tamén, hai unha palabra específica, para describir esa actitude de expresar o noso enfado con algunha persoa, a través do silencio. Esta actitude require pechar todas as canles de comunicación, mediante a ausencia de contacto visual, verbal e físico. A persoa que expresa así a seu mal humor, non está disposta a dar explicacións sobre a razón, pola que se sentiu ofendida. ¿Acaso a outra persoa non sabe o que ten feito mal?

 

 

Esta situación de prolongada e voluntaria incomunicación entre irmáns cambia, cando no val onde viven, irrompe unha enfermidade mortal, que obriga a sacrificar todas as ovellas, sen excepción. Este feito – momento bisagra– desencadeará importantes cambios na relación entre os dous irmáns, protagonistas da película. Os dous dedícanse desde sempre á cría de ovellas, como seguramente o teñen feito os seus pais e os pais dos seus pais.

 

As ovellas son a súa fonte de ingresos. Son tamén, a única forma que coñecen, de establecer unha conexión emocional coa vida. Finalmente, son a súa única oportunidade para perpetuar a liña familiar. Cando eles morran, o único que lles poderá sobrevivir son esas ovellas, que durante séculos, téñense reproducido e crecido, baixo a supervisión dos seus antepasados.

 

A película fala dun modo de vida que se extingue, da vertixe de non poder deixar descendentes, de ovellas negras e do amor fraternal. Unha pequena xoia, que ten a virtude de falar de temas universais desde algo tan local, como a icona nacional islandesa: a ovella.

 

E ti, conservas algunha foto da infancia cos teus irmáns? Que sentes cando a observas? Lembras a maxia dese amor incondicional entre irmáns?

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.