EMIGRACION A ARXENTINA. O BUSCADOR DO CEMLA

 

 

Cando almorzaba esta mañán, sentín o pulo de entrar na web do Centro de Estudos Migratorios Latinoamericanos (CEMLA), para saber de meu tío avó Luis. Tiña idea de que hai un tempo, topara algunha pista deste irmán da miña avoa, no buscador desta páxina (www.cemla.com), que permite consultar información sobre datas de chegada de inmigrantes a Arxentina.

 

 

 

cemla

 

 

 

Así que inserín os apellidos e nome, sen especificar rango de datas algún. Sí. Andaba  certa. Na pantalla seguinte aparecía él: un xornaleiro  de “Tribes”, que embarcou en Coruña, no vapor “Danube”, propiedade da Mala Real Inglesa (“Royal Mail Steam Packet Company”). O meu tío avó era un rapaz de dazasete anos cando chegou a Bós Aires, un trece de novembro de 1910. Foi o primeiro dos irmáns, que cruzou o charco. Despois marcharían os demáis, aínda que con diferente rumbo. Eles e tamén elas optarían por Estados Unidos, agás a miña avoa que chegou á illa de Ellis, cando a política de portas abertas tiña rematado, así que tivo que contentarse con Cuba. Dos oito que eran, cinco emigraron. E só, a miña avoa retornou. 

 

Nada sei dos descendentes destas personas, que un día de comezos so século XX, emprenderon a viaxe das súas vidas. O intercambio de cartas hai un tempiño que cesou, así que a miña única espranza de topalos é algunha coincidencia no meu test de ADN. Ou quizáis contratando os servizos dunha xenealoxista?

  

 

 

A historia conta que, ao meu tío avó Luis foille ben en Arxentina. Casou cunha rica muller de orixe alemá. Á pregunta de onde vivían, a miña nai respostou que na Pampa.  Así son as respostas da miña nai… Di que vixíaban o gando dende nunha avioneta, xa que a súa propiedade era inmensa. Que haberá de verdade, neste conto familiar? Lembrádeme, que contraste esta información coa miña tía. Ela é quen se ocupou sempre de manter un contacto fluído coas persoas da familia, que andaban espalladas polo mundo. Na lata de fotos que hai en todas as casas e tamén na miña, atopei varias fotos familiares que Luis envío á miña avoa. Unha delas en cor e que debe ser dos anos oitenta, mostra a Luis e a súa muller, arroupados polos seus fillos e netos. É unha foto tribal, que me fai pensar en todos eses primos e primas, que teño en Arxentina e que non coñezo. 

 

 

 

 

LA PAMPA

 

Foto: Serie La Pampa. José Suárez Fernández 

 

 

 

 

 

Sabedes por que estou a falar disto? Fágoo, porque a miña nai voa esta madrugada a Bos Aires. Atravesa por primeira vez o Atlántico, como no seu día o fixeron moitas outras persoas da familia, mais a diferencia delas, faino en avión e con pasaxe de ida e volta. Hoxe, cando lle comentei que tiña topado a data e barco, no que seu tío Luis chegou a Bos Aires, aprovetei para lle preguntar, se podía imaxinar como foi a súa viaxe. Ela respostou: “Seguro que ían como animais”. Escaravellando nos xornais da época, descobrín que algunhas compañías mencionaban expresamente o bó trato, que se daba aos pasaxeiros de terceira, a “quienes se sirve sana y abundante alimentación española, que supera a la extranjera, con vino y pan fresco a todas las comidas y asistencia médica gratuita.  En los vapores de esta Empresa todos los pasajeros tienen su correspondiente litera con ropa y pueden pasearse por toda la cubierta del vapor”. Non era o caso da Mala Real Inglesa, que era a Ryanair da época. Seguro que meu tío avó Luis viaxou en terceira, sen todas esas comodidades que o resto das compañías publicitaban, con engano ou non.   Gústame imaxinalo na cuberta do Danube, adiviñando no horizonte esa terra, que o recibía aberta de brazos.

 

 

 

Houbo emigrantes na túa familia? Que sabes da súa experiencia migratoria? Que sabes dos seus pesares e alegrías? Sabes cando e como chegaron ao seu país de destino? Como foi o proceso de adaptación, ao seu país de acollida?  

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Suscríbete
Se desexas ter noticias nosas por correo electrónico...