O REXISTRO CIVIL. A DIXITALIZACIÓN QUE NON CHEGA

 

Hoxe é luns, tres de xullo e dispóñome a solicitar varias certificacións de nacemento, matrimonio e defunción, ao rexistro civil. Para algunhas localidades, utilizo a sede electrónica do Ministerio de Xustiza (http://www.mjusticia.gob.es) e para outras máis pequeneiras, tomo a precaución de chamar antes por teléfono, para preguntar se traballan coa plataforma do ministerio. En caso negativo, fago a solicitude directamente por teléfono ou a través do correo electrónico.  O prazo de envío da documentación solicitada é dun máximo de quince días, e faise normalmente, por correo postal.  Son unha desas persoas, que aínda experimenta emoción, cando abre a caixa de correo da súa casa. Gústame albiscar a través da súa ventá, os sobres amoreados, procedentes de calquera recuncho da península. Iso quere decir, que a investigación seguirá avanzando e que teño un fío, do que turrar.  

 

 

 

 

MAIL

 

 

 

Outras veces, as respostas negativas obríganme a redeseñar a miña estratexia de busca. Ás veces, pasa… Hai anos que ando a procura dunha partida matrimonial dos meus bisavós maternos, a pesar de tela solicitado en varios rexistros. Algo faime pensar que casaron en segredo, lonxe de miradas alleas, xa que había algo prohibido, na súa historia de amor.  Hai ocasións en que os documentos non aparecen porque as inscripcións non se facían, ben por descoido da familia, da persoa a quen se lle facía  o mandado ou do propio rexistrador. A casuística é variada, aínda que veñen o meu maxín as míticas palabras da canción  “Voando Vou” de Kiko Veneno, que din iso de  “voando vou, voando veño, polo camiño eu entretéñome”. Cando iso pasaba, era posible facer unha inscrición fóra de prazo, a instancia das persoas interesadas. A semana pasada, por exemplo, recibín a partida de nacemento dunha muller que nacera no 1911, pero que se inscribiu no 1965, cando precisou a partida para expedir o seu DNI. A primeira vez que unha funcionaria dun xulgado de paz dixo, que non topaba a partida de nacemento que eu solicitaba, desconfíei. Achaqueino a unha falla de dilixencia pola súa parte. Un mes máis tarde, conseguin o expediente militar do home que buscaba e comprobei que a inscrición do seu nacemento, fixérase dunha forma tardía. A funcionaria tiña  razón.

 

 

 

 

 

RELOJ

 

 

 

 

Por que vos conto isto? Porque a reforma e modernización do rexistro civil leva anos, por riba da mesa. Na actualidade, o rexistro civil está integrado polos rexistros municipais a cargo do xuíz ou xuíza de 1ª instancia, asistidos polo letrado ou letrada da administración de xustiza, polos registros consulares, a cargo de los cónsules de España no estranxeiro e polo registro civil central. Os registros civís municipais son 411. Deles, 16 son exclusivos, dedicados únicamente a tarefas de rexistro. É o caso do rexistro civil de A Coruña, co que traballo de forma recurrente. O resto realizan actividades rexistrais  de forma parcial. Por último, están os xulgados de paz, de localidades máis pequeñas, e que realizan as mesmas funcións por delegación.  Hoxe existen 7.667. O acceso á información do rexistro civil é público e gratuito, salvo en casos illados.

 

 

 

No ano 2015, a xestión do rexistro civil estivo a piques de ser traspasada aos rexistradores da propiedade, no que segundo un grande sector da sociedade, non era outra cousa que un proceso de privatización encuberta. Finalmente, ese traspaso paralizouse e comezaron a a traballar nun novo modelo de rexistro civil, no que a xestión pasaba a ser competencia dos letrados e letradas da administración de xustiza e no que non se garantía a supervivencia de tódalas oficinas rexistrais, que agora existen e moito menos dos xulgados de paz. Críase que a reforma estaría lista para xulio deste ano, pero finalmente pospúxose un año máis. En definitiva, nada cambia polo momento para os investigadores, que desexen solicitar documentos ao rexistro civil.  Seguiremos a amando aos homes e mulleres, que reparten o correo e a sentir cóxegas na barriga, cando nos achegamos á caixa de correo. E tamén seguiremos a falar co persoal dos xulgados de paz. Ao tempo que escribo isto, soa un aviso de wasap no meu teléfono. É dun cura dunha pequena parroquia da provincia de Lugo, que me manda por wasap unha foto dunha partida bautismal. Eu penso, que os camiños do Señor son inescrutables”.    

 

 

 

 

 

Tes solicitado certificacións ao Rexistro Civil, para a túa investigación familiar? Coñeces a información, que conteñen os certificados? Que sentiches cando viches a letra do teu avós? Era trémula ou decidida? E que, cando descubriches que non asinaban, porque non eran quens de ler ou escribir?    

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Suscríbete
Se desexas ter noticias nosas por correo electrónico...