O SANTORAL. UNHA FONTE INESGOTÁBEL DE NOMES

 

Algunha vez teste  preguntado de onde ven o teu nome?  Noutros tempos, era habitual levar o nome do patrón do lugar. Hai Lanzadas no Grove, Caminos en León, Neves no Cebreiro, Froilanes en Lugo, Roques no Morrazo, Lucas en Mondoñedo e pregúntome se haberá moitos Rosendos en Celanova. Tamén era habitual noutros tempos, poñer o nome tomando como referencia o santo ou santa do día de nacemento. A miña irmá chámase Luisa non só en honor á súa bisavoa, senón porque naceu o día de San Luis Gonzaga. Unha feliz casualidade que fixo que a miña nai, optase sen dubidar por  Luisa. Sei de alguén a quen chamaron Dolores por ter nado un Venres de Dolores. Outras moitas veces, o nome non facía referencia ao santoral, senón á memoria dalgún familiar vivo ou falecido ou aos padriños.   

 

Romaria Lanzada

Romaría da Nosa Señora da Lanzada.  Francisco Zagala

 

 

Había nomes que non contaban con esas referencias familiares ou relixiosas. O meu primeiro nome María, é unha homenaxe clara á miña tía avoa María. O meu segundo nome (H) Elena é novidade na familia e  non  está ligado á santa do día do meu nacemento. Encántame a idea de non ter condicionantes ou barreiras que me limiten. Nacín  moderna e libre na familia, xa que a miña nai púxome o nome, disque, porque lle petaba.  

 

O Sorriso do Daniel

 

Calendario do Románico. O Sorriso do Daniel 

 

Libre e sen condicionantes? Hai uns días, decidín consultar o santoral e mirei o calendario de O Sorriso do Daniel,  que colga na parede do meu salón. O día que nacín eu está dedicado a Santa Auria, unha eremita que viviu en San Millán de la Cogolla e que consagrou a súa vida á oración e á dor autoinfrinxida, como única vía para a iluminación. Auria rima tamén cos Aurentinos, Aurelios e Aurelias da miña familia. Recoñezo en min, unha certa tendencia á soidade e ao masoquismo. Celebro estar vinculada, pola santa do día do meu nacemento a Aurentino, xa que el tamén levaba promesas de progreso e modernidade no seu nome. Os Aurelios e Aurelias son, pola contra, personaxes misteriosos, desterrados e escuros, dos que apenas teño información.

 

Sabes a historia do teu nome? Sabes a que santo ou santa está consagrado o día no que ti naciches? Está o teu nome claramente libre de calquera connotación relixiosa ou familiar? 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*