SEIQUE. AS FERIDAS DO SILENCIO

No transxeracional, disque, hai profesións que reparan. A escolla non é libre! Así, unha costureira que une con fío e agulla, farrapos de tea para facer un todo, realmente estaría cosendo anacos de pel humana. A súa misión sería sandar as feridas producidas, por situacións de separacións dramáticas que houbo na familia.

 

 

 

Iso é que fai Susana Sánchez Aríns en Seique. Nesta obriña, feita de retallos constrúe un xenograma ou mapa familiar no que identifica desgrazas, doenzas e traumas, ocurridos no pasado. E faino como calquera investigadora, xuntando contos e testemuñas da familia, escoitando os seus silencios, reinterpretando as súas lembranzas de nena e sacando fotos vellas agochadas nas gavetas. Unha desas fotos é esa que aparece reproducida na portada do libro, dominada pola presencia desacougante do tío Manuel, unha ovella negra vestida de fato branco.

 

 

 

 

 

 

capa seique

 

 

Seique. Susana Sánchez Aríns. Através Editora. 2015

 

 

 

 

 

Quen era realmente ese tío Manuel? Seique é un proceso de busca dunha sobriña neta sobre a verdade de Manuel García Sampayo. Segundo a autora, o seu tío Manuel era “un fascista tan sen importancia, que nen sequera aparece nos arquivos”. Na súas pescudas , visita eses lugares onde se custodian os fondos documentais, pregunta a historiadores especializados en memoria histórica, navega na net e consulta nos xornais do momento. Malia os seus esforzos, o seu tío semella ser unha pantasma, desdebuxada no medio de tanto silencio.  

 

 

 

 

 

“A lei do silencio ou omertá é o código de honor siciliano, que prohíbe informar sobre as actividades delictivas consideradas asuntos que incumben á familia”

 

Wikipedia 

 

 

 

 

Seique é intrahistoria en estado puro. Unha historia de soños rotos, pola irrupción da violencia cotiá na vida das persoas, por causa da guerra e a posguerra.  A obra fala tamén da vergoña e culpa por ter tido na familia a vitimarios como o tío Manuel,  ese fantoche especializado en paseos e sacas e un útil sementador de medo.

 

 

 

“Se foi assim de mau con a mãe e o pai, como seria com os de fora”

 

Seique. Susana Sánchez Aríns

 

 

 

 

 

Seique invita a reflexionar sobre a transmisión xeracional do trauma.  Que facer con todas esas experiencias vividas e non contadas? Que facer con ese medo, vergoña e culpa, inoculados na alma familiar? Susana Sánchez Aríns non só cose para reparar as feridas familiares, tamén lava con bravura os trapos sucios en público e escribe sobre a historia de violencia do seu tío Manuel e as súas vítimas, nun  poderoso acto simbólico que consiste en “recoñecer o que foi”“abrazar e incluír o innomeable”

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Que contos che contaron da guerra e da posguerra? Sintes que hai un mandato familiar que non permite falar deses tempos? Houbo grandes perdas ou ganancias familiares, por causa de guerra e da posguerra? Houbo ovellas negras das que non se fala? Que sabes da intrahistoria da túa familia?      

 

.   

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*