RESEÑA: SUFRAXISTA. SALLY HEATHCOTE

Chove. Así que, aproveito o meu peche involuntario para ler Sufraxista, unha espléndida novela gráfica, publicada o pasado ano por Edicións La Cúpula. Esta obra é froito da colaboración de Mary M.Talbot, guionista, con Kate Charlesworth, ilustradora. Conta coa axuda adicional do home da primeira, Bryan Talbot, tamén debuxante.  

 

 

SUFRAGISTA

 

 

Esta novela gráfica fala da loita polo voto feminino en Gran Bretaña, no inicio do século  XX.  A historia é contada, a modo de flashback, por unha Sally Heathcote, xa anciá que adormece na cama dunha residencia de anciáns. Na súa mesiña, nun primeiro plano, podemos ver fotos antigas e insignias e medallas coas cores do movemento sufraxista:  o púrpura pola dignidade e a valentía, o branco pola pureza e o verde pola esperanza.  

 

 

sally-heathcote

 

 

Sufraxista é a historia dun proceso de aprendizaxe e empoderamento, na que a protagonista, coa súa omnipresente melena rubia, vai superando sucesivas probas. Así é, coma Sally Heathcote pasará de ser unha inocente observadora dos inicios do movemento sufraxista a unha valente activista. Coñecerá o menosprezo e as agresións físicas e verbais de homes e mulleres do seu tempo, irados ante a  súa actitude de desafío á orde establecida.

 

 

“ O voso único traballo é  traer fillos ó mundo!” 

 

“Vai para a túa casa, onde debes estar!”

 

Tamén, sufrirá a pena de cárcere e será sometida á tortura da alimentación forzosa, como resposta á folga de fame, que mantén durante a súa reclusión. Pero, a cambio, coñecerá a forza da unión e da camaradería entre mulleres. Descubrirá o amor entre iguais. E o máis importante, acabará exercendo o seu dereito ó voto, a pesar da resistencia das autoridades políticas por recoñecelo.   

 

 

“Pola súa natureza, unha muller está tan incapacitada para votar como un coello”  

 

Sufraxista está impecablemente documentada. Utiliza moitos carteis e portadas de prensa da  época. Ademais, conta con apartados de cronoloxía e anotacións, que son un bo complemento para a historia. Esta cronoloxía di que en 1918, foi recoñecido por primeira vez en Gran Bretaña, o voto a certas mulleres (non a todas), para ampliarse dez anos máis tarde a todas as maiores de vinteún anos. En España, haberá que esperar ó ano 1931, para que o voto feminino sexa por primeira vez recoñecido. Despois, virá unha longa noite de pedra. 

 

 

derecho-al-voto

 

 

A novela é unha homenaxe a esas mulleres anónimas, que coa súa valentía e coraxe, teñen loitado para abrir portas, que estiveran pechadas dende hai séculos.  A súa lectura invita a agradecer  e valorar,o que esoutras mulleres teñen feito por nós, no pasado.

 

E ti, que sabes da intrahistoria das mulleres da túa familia? Algún acto de valentía, que teña desafiado o sistema?  Algún xesto de coraxe? 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!