TANTE WUSSI. HISTORIA DUNHA FAMILIA ENTRE DÚAS GUERRAS: Mallorca 1936-Alemaña 1939 (1º PARTE)

Chámate a ideia de escribir a historia da túa familia? Isto foi o que fixo, Katrin Bacher en Tante Wussi, unha novela gráfica deliciosamente ilustrada por Tyto Alba, e galardoada co premio Ciutat de Mallorca 2014.

 

PORTADA

Portada. Tante Wussi. Ed. La Cúpula

 

 

Tante Wussi fala da persecución dos xudeus na Alemaña nazi, introducindo tamén elementos descoñecidos para min, como a cruel represión franquista en Mallorca e a persecución dos chuetas ( “xuetes”) ou xudeus conversos, co seu correspondente rebrote nos anos 40. A memoria, unha tarefa abordada con bravura pola sociedade alemá, segue sendo un asunto pendente na nosa. Quizais por iso, sexa natural para a autora de Tante Wussi, reflexionar sobre capítulos escuros da nosa historia, que a súa familia viviu en primeira persoa.

 

 

“Qué pasa cos historiadores españois para que teñan tanto medo á memoria da xente ? Temos acadado tal arrogancia académica que as vítimas teñen que pedir permiso ós historiadores, para saber se o seu padecemento foi real ou simplemente un espellismo?”

Gunter Schwaiger

 

 

A novela recolle a testemuña da tía avoa da autora, unha alemá, filla de católico e xudía, que se instala en Mallorca no ano 1949. Conta Katrin Bacher que “sempre tivo curiosidade por coñecer a historia desa parte da familia”. As visitas á súa tía Marianne en Mallorca e as indagacións no resto do ámbito familiar, permitíronlle reunir un material moi valioso, que se plasma nun relato, estruturado en tres momentos clave da intrahistoria familiar.

 

RETRATO DE FAMILIA

Retrato familiar  

 

 

Na primeira parte, a tía avoa relata a experiencia da súa infancia en Mallorca, ese pequeno paraíso. Este tempo transcorre tranquilo, ata que estoura a guerra civil. A segunda parte arrinca co traslado da pequena e parte da súa familia a Alemaña, procurando seguridade. É entón, cando Marianne comezará a tomar conciencia do que implica “levar o sambenito” de ser filla de xudía conversa, nunha Alemaña na que o ascenso do nazismo é imparábel. A terceira parte desenvólvese durante a guerra mundial. É un relato coral, no que podemos percibir, claramente como a guerra marca os destinos dos membros da familia: internamentos en campos de concentración, éxodo e dispersión e mobilización por decreto da poboación restante, a masculina ó fronte e a feminina ás factorías da guerra. Só cando a guerra termine, producirase a volta da protagonista a Mallorca, que repetindo a historia da súa nai, será a protagonista dun matrimonio mixto, casando esta vez cun mallorquino, chamado Pep.

 

nazis

 Nazis. Alemaña

 

 

Que sabes da intrahistoria de túa familia? Como viviron a guerra civil? Algún antepasado internado nun campo de concentración en España ou fóra dela? Sabes dalgún sambenito, que teña sido cargado pola túa familia?

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*