VERDADE OU MENTIRA? O ESTRAÑO CASO DOS PECADORES PENITENTES

 

Hai uns meses, mentres escaravellaba nos libros de casados de Santa Mariña de Brañas,  ubicada no concello coruñés de Toques, din cunha anotación sorprendente.

 

Os  protagonistas desta historia eran unha parella unida por una relación de “cuarto grado de consanguinidade” e que, a sabendas, tiñan mantido “cópulas ilícitas” . Cando solicitan dispensa matrimonial para casar, estudian o seu caso. Finalmente, reciben autorización da igrexa, pero cunha condición.

 

Á parella impóñenlle a seguinte penitencia. A el, oito meses de tocar as campás, preparar a luz e a auga bendita e todo o demáis, que practica o mordomo. E a ela oito meses, de lavar as roupas da igrexa. Os dous ademáis, debían confesarse e comulgar unha vez ao mes e rezar unha estación do santísimo sacramento, o que ven sendo cinco series de nosopai, avemaría e gloria e un nosopai máis.  

 

 

 

 

As vodas de hoxe sonche ben diferentes. Primeiro de nada, hai unha grande variedade de ritos relixiosos e pagáns, á nosa disposición. Despois, o matrimonio entre persoas do mesmo sexo é legal.  Xa non hai se que disfrazar para enganar ao cura, como fixeran Elisa e Marcela.

 

Imaxinade que xa tendes decidido o ritual e que vos agardan uns meses para elixir data, lugar, orzamento, roupa, menú, música, decoración e a mellor maneira de inmortalizar o momento… Agora pechade os ollos e imaxinade de novo que a esa penitencia, sumamos a de tocar as campás ou lavar as roupas da igrexa. Quizáis, cando lle escribades á vosa “wedding planner”, diravos: “Estade tranquilos, xa me ocupo”. Outra opción, se non podedes pagar ese extra, é propoñer ás persoas invitadas, unha rebaixa do prezo do prato en proporción ao tempo destinado a cumprir co castigo imposto. Enxeñería financeira ao poder!

 

 

 

 

Sexa como for,  a parella casou e o fillo que nacera desas relación ilícitas, “foi lexitimado polo posterior matrimonio dos pais”. Pregúntome, si esta historia familiar é aínda  lembrada. E no caso de selo, como será o relato dos feitos? Haberá rabia ou haberá orgullo?  Pode ser tamén, que esta historia se teña incorporado á colección de segredos “innomeables”.  Supoño, que xa sabedes que todas as familias contamos cun caixón especial, ás veces de dimensións colosais, para agochar as nosas “vergoñas”. Por fin, ten chegado o tempo de abrilo e mirar a ese trío de home, muller e fillo, con compasión. Xa pasaron máis de cento cincuenta anos daquelo.         

 

 

    

Que sabes da intrahistoria da túa familia? Cantos obstáculos tiveron que superar para casar? Houbo persoas da túa familia que casaron de “penalty”?  Foi isto acaso, motivo de vergoña o infelicidade para elas?  

 

 

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*