JOSE Y SU PARAISO

XOSÉ E AS SÚAS VARIACIÓNS. UN NOME QUE RESISTE AS MODAS

 

Marabíllame formar parte desa minoría de persoas, que non teñen un Xosé, Xosefa, Xosé María, María Xosé, Pepe, Pepa ou Pepiño, entre a súa familia máis achegada. Para atopar eses nomes, teño que ascender no meu xenograma, á procura de persoas que nunca coñecín, pero que considero relevantes, pola súa visibilidade en algúns casos e pola súa invisibilidade, noutros.

 

 

 

Xosé:

 

“Segundo a Biblia, Xosé tivo dois pais: Elí e Xacobe. Como é isto posible? Elí morreu sen descendencia e o seu irmán, Jacob, casou coa viúva, seguindo o costume do levirato. Segundo ese costume, o primoxénito habido coa viúva será considerado fillo lexítimo do irmán morto… Quen leva ese nome pode ter dificuldades coa paternidade ou transferencia de paternidades na familia. Xosé casa con María e fai de pai de Xesús, sen telo enxendrado, igual que Elí tivo o seu fillo Xosé despois de morto. Un Xosé pode asumir a paternidade social doutros homes, paternidades tardías ou ser fiel a dous pais diferentes”

 

 

“A psicogenaloxía aplicada. Como unha saga pode agochar outra”. Paola del Castillo.   Edicions Obelisco. 2013

 

 

 

A miña avoa materna, Casilda tivo dous pais, un ausente e outro presente.  Os dous chamábanse Xosé. A miña avoa, a pesar ter nacido en Trives, pasou unha grande parte da súa infancia en Chandrexa de Queixa, co Tío Cura e a súa irmá. Un retrato do Tío presidiu e preside aínda o salón da súa casa. E iso que a miña aboa morreu, hai moitos anos.

 

 

 

Para ela, o Tío era Deus, malia que debido a súa minguada estatura (iso descubrinno hai uns aniños), librou do servizo militar por non dar o talle. No maxín da miña avoa, está a imaxe do Tío de a cabalo, cunha cruz na súa man, para desafíar as espantosas tormentas, que sacudían sen piedade a Serra de Queixa. É ben posible, que Casilda aprendese a ler e escribir nesa casa, grazas a ter sido confinada nese lugar remoto da xeografía ourensá. Ese mesmo tío, foi tamén quen a casou en ceremonia relixiosa, nun verán de 1932, cando regresou co meu avó de Cuba. Queixa e o Tío Cura foron para a miña a avoa, mesmo O Paraíso. A miña avoa foi Heidi, nese lugar. 

 

 

 

 

Heidi

 

 

Foto: Paisaxe alpina

 

 

 

Hai outro Xosé na miña familia paterna, que a diferenza do tío Cura, é como unha pantasma. Souben da súa existencia, cando comecei a escaravellar na historia desa parte da familia. Foron os documentos, os que me levaron a el, xa que apenas había pegadas na memoria familiar. Xosé era ó avó da miña avoa. Morreu con cuarenta anos, cando o pai da miña avoa tiña só tres. Quizais esa morte prematura, serviu para borrar calquera sinal do seu paso polo mundo.

 

 

O máis extraño de todo, é que ese Xosé resultou ser un neno expósito, entregado no Hospicio de Santiago. Tivo uns pais ausentes e outro presente. De novo, un cura. Un cura, orixinario de Silleda, que a mediados do S.XIX chegou a outra aldea remota da provincia de Ourense, acompañado dun misterioso moziño, que levaba o seu apelido. Non é doado determinar si ese cura era ou non, o seu pai biolóxico.  Este Xosé era fillo da vergoña, pola súa doble condición de expósito e posible fillo de cura.   

 

 

Hostal Reyes Católicos. 1948

 

 

Foto: Hospital Provincial da Beneficiencia da Coruña, en Santiago. 1948 (antes Hospital Real)

 

 

 

Se a miña avoa Casilda falaba fachendosa do cura que coidou dela, durante unha grande parte da súa infancia, a miña outra avoa calaba. Á miña avoa Julia inquietáballe a posibilidade de ser neta o bisneta dun cura. Por iso, asumiu o papel de custodiar o segredo familiar.     

 

 

Hai persoas chamadas Xosé na túa familia? Qué sabes da súa historia de vida? Asumiron o papel de coidadores de fillos, que non eran seus? Ou, acaso hai neles, certas dúbidas en relación coa súa filiación? Que segredos inconfesables haberá agochados na túa historia familiar?      

 

 

 

 

 

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!