Pecho os ollos. Tento imaxinar ese frío día de novembro, no que as miñas avoas votaron, por vez primeira. Gustaríame saber que sentiron, cando depositaron a súa papeleta, na urna dun improvisado colexio. Descoñezo o sentido do seu voto. Quizais votaron, obedecendo as instruccións de figuras de autoridade como pais, maridos, irmáns ou tíos. É seguro, que a miña avoa materna pediu consello ó tío cura. Lembro, dende que teño razón, o retrato dese home de expresión seria, presidindo o salón da súa casa. Adiviño que a miña avoa era unha “inimiga da República”.
Era o temor a mulleres coma a miña avoa, o culpábel de que moitos parlamentarios non apoiasen o sufraxio feminino. A pesar da oposición da caverna, Clara Campoamor foi quen de permitir que as miñas avoas votasen. Unha grande e efémera conquista, plasmada na Constitución de 1931 .
Discurso de Clara Campoamor. 1931
” Levades dicindo, alomenos dende 1908, cando Pi y Arsuaga defendía o voto, que a muller é pouco máis que a hipoteca do confesionario. Se desde entón, non tedes feito nada, non o ides facer nunca! “
“Estades a medir o país polo voso medo, mais teño que dicirvos: non seguedes o trigo verde!”
Non encontraredes mulleres nos censos electorais, antes desa data. Por iso, emocióname soster nas miñas mans, o Censo Electoral de Castro Caldelas, do ano 1934. Estremézome ó ler os nomes da miña avoa Casilda, a miña bisavoa Luisa e a miña tía avoa María. Desagrádame, pola contra, que case tódalas mulleres, que figuran nese censo, traballen no seu sexo ou nas súas labores. Rara ocupación! Unha labrega, catro modistas, tres costureiras e dous mestras son a única excepción. Segundo este documento, a miña avoa, bisavoa e tía avoa, se dedicaban tamén ó seu sexo? Podo certificar que os papeis menten.
Fonte: Arquivo Histórico Provincial de Ourense
Esquezo o meu desagrado. Pecho de novo os ollos e imaxino o día no que Casilda, Luisa e María votaron. Agradezo a Clara pola súa valentía.
E ti, que sabes das túas avoas? Eran mulleres submisas ou desobedientes? Que soñaban? En que traballaban? Que sintes cando les que a súa ocupación era o seu sexo ou as súas labores?
Non hai comentarios