
“Expósito” é un apelido que aporta datos innecesarios sobre a vida íntima das persoas.
Ninguén ten porque saber se ti ou algunha das persoas que che antecederon experimentaron sendo bebés o abandono na porta dunha igrexa, nun camiño transitado, nas aguas dun río ou no torno dun hospicio. Quen vai querer levar as súas feridas e vulnerabilidades á vista?
Falo por experiencia propia… O trece de xuño de mil oitocentos trinta e seis, o meu tataravó foi abandonado no torno do Real Hospicio de Santiago . Déronlle o número de expósito 258 e dous nomes: Jose e Antonio. José polo padriño e o Antonio polo polo padroeiro das cousas perdidas, do que eu mesma sei o reponso de cor, de tanto escoitalo na casa. Cantas cousas temos atopado, grazas ó San Antoniño!
En canto o apelido, José Antonio era un firme candidato para levar o vergoñante apelido Expósito.
Pero o azar quixo que un cura chamado Ramón Costoya, a quen lle teño asinado o número SOSA cuarenta na miña árbore xenealóxica, se cruzase no seu destino.
O cura porfillouno e deulle o seu apelido.
Así foi como zafamos do “Expósito”.
A ferida do abandono esquecida por un tempo. Ata que hai uns anos, empecei a escaravellar na nosa historia familiar e souben deste meu tataravó José, “procedente de la inclusa de Santiago”.
A historia do home que non quería apelidarse Expósito
Segundo o regulamento actual do Rexistro Civil, “Expósito” ou otros apelidos análogos indicadores de orixe descoñecida, admiten ser cambiados.
A actriz Ester Expósito, por exemplo, podería pedir o cambio de apelido. E Julio Iglesias tamén.
Isto mesmiño foi o que tentou, o protagonista da historia que agora vos conto.
El quería eliminar o “Expósito” da súa vida, polos séculos dos séculos. De feito, non sabía porque o levaba… El non fora abandonado de recén, como o meu tataravó. O seu caso era totalmente distinto.
O conto é este… Cando tiña sete anos, alguén topouno vagando, sospeitosamente só polas rúas de Lugo. O pequeño non deu razón da súa natureza ou veciñanza, non sei se porque non quería ou non sabía. Contan os papeis que foi acollido nun establecemento de beneficencia onde estivo dez anos, ata que pasou a traballar nunha xastrería.
Foi nese etapa, cando o bautizaron na igrexa de Santiago, dándolle por nome Antonio e por apelido ningún por “ser fillo de pais descoñecidos”. Máis tarde cando fixo o servizo militar, decidiron identificalo co apelido “Expósito”. E aí quedou a cousa!
Pasados os anos, Antonio cursou unha instancia formal á diócese de Lugo, para mudar de apelido. No seu escrito ofrecía dúas alternativas. A primeira opción era Rei, por ser o apelido que se lle da, ós nenos acollidos nas casas de beneficencia. A segunda era Santiago por ser a parroquia onde o bautizaron.
Así foi como Antonio foi quen de evitar comentarios inapropiados, sobre a súa orixe, para el e para a súa descendencia.
Como te levas cos teus apelidos? Gustaríache facer algún cambio? Sabes como é o procedemento para solicitalo? Queres mudar a orde dos teus apelidos? Ou pensas en eliminar para sempre, un deses que estigmatiza?
Non hai comentarios