Acabo de recibir a noticia de que o confinamento por esta epidemia durará, dúas semanas máis. Iso significa que teremos que aprazar o tempo dos abrazos.
Disto sabían bastante, as persoas que emigraron a América, na primeira metade do S.XX. Daquela, as viaxes eran en barco e a comunicación por carta. Ás veces dentro destas cartas ían fotos como esta, dunha familia da Terra Chá, en Lugo.
Foto: Familia. Piñeiro-Santaballa. c.a. 1910. Fototeca IESCHA
Se ollades con atención, poderedes ver como a muller e un dos pequenos sosteñen, entre as súas máns os retratos, dos que están alén do mar. A foto é dunha familia da parroquia de Santaballa, en Vilalba, na provincia de Lugo. Os retratos, probablemente de persoas emigradas en Cuba.
Daquela os fluxos migratorios á illa dende esta parroquia do concello de Vilalba eran abundantes. E como sabedes, uns chamaron polos outros, ata crear comunidade. Tamén foi abundante, o fluxo de cartos chegados daló, para fundar varias “escolas de indianos”, nesta e noutras parroquias.
indiano, indiana
“Persoa que marchou como emigrante a América, e volve rico”
Real Academia Galega
De feito, unha desas escolas fundada pola “Liga Santaballesa” é hoxe un pequeño Museo da Emigración, integrado na Rede da Sociedad Española para el Estudio del Patrimonio Histórico-Educativo .
Se o queredes visitar, teredes que agardar a que se levante o estado de alarma. Namentres, invítovos a que busquedes nas vosas casas, esas cartas que chegaban de lonxe ou esas fotos feitas en estudo, para mostrar a familia que todo estaba ben.
Lembro agora, que na casa da miña tía avoa, había unha foto de familia na que a silueta recortada do meu avó, vestido de branco impoluto nun estudio de La Habana, estaba literalmente pegada. Por arte de maxia, o meu avó fora teletransportado, dende La Habana a Castro Caldelas. Era o photoshop, deses tempos.
Non hai comentarios