O inicio de ano sorprendeume cun agasallo inesperado. A curtametraxe “Matria” do realizador Álvaro Gago, xa está en aberto na rede.
O filme conta un día na vida de Ramona, unha muller que sobrevive nun lugar inespecífico das Rías Baixas, como traballadora nunha fábrica de conservas e “ama de casa”. Cando miro o documental, penso na portada do meu calendario de Edicións Xerais dedicado ás “Traballadoras de Massó” , na que aparece unha muller metendo mexilóns nunha lata. Case cen anos separan a imaxe desta muller anónima de Ramona, a protagonista da curta. Unha eternidade!!!
Calendario 2020. “Traballadoras de Massó”. Edicións Xerais de Galicia
A curta invita a cuestionar, o falso mito do “matriarcado galego”. Un mito de mulleres galegas fortes, capaces de cargar ao lombo, todo canto sexa necesario. Algo así, como “A Santa” do escultor Francisco Asorey, que ata o 12 de abril, estará exposta na Cidade da Cultura, con motivo da exposición Galicia. Un relato no mundo .
“A Santa”. Francisco Asorey. 1926
O día de Ramona é un contra o reloxo, no que só hai un intre de calma: a conversa cómplice coa súa filla, ó final do día, mentres a neta xoga un partido de baloncesto. Quero pensar que hai esperanza, nesta escena.
Que sabes da intrahistoria das mulleres da túa familia? Cantas cousas cargaron ao lombo? E cantas, sigues a carretar ti, sen quizabes sabelo?
Non hai comentarios