LA PENA DE DESTIERRO

O DESTERRO: UNHA PENA DOUTROS TEMPOS. LUGO XENEALÓXICO

 

 

Velaí ven a miña segunda colaboración con Guido Guía, cun capítulo titulado Lugo Xenealóxico e integrado nos seus paseos por  O Lugo menos coñecido.

 

 

Hai meses que estaba programado e inicialmente pretendía ser un camiñar pola cidade da man de persoas de sona, naturais ou habitantes da cidade.

 

 

 

 

O LUGO MENOS COÑECIDO

 

 

 

 

 

Finalmente, puido a miña fixación polas pequenas historias de persoas anónimas. “Intrahistoria”, disque. E tamén o feito de que o dezaseis de outubro é o día que marca o inicio da tradición celta do Samhain ou Samaín. Ábrese xusto este día, un período de dúas semanas que invita a abrir portas simbólicas entre o mundo do visible e invisible e á honrar ós ancestros e ancestras.

 

 

Así que neste paseo deixareime guiar por un dos meus ancestros: o meu trastarabó, Ramón Costoya. Sorprendentemente este home botou varios anos da súa vida en Lugo.

 

 

Dalgunha maneira el é o culpable, de que hoxe traballe como xenealoxista profesional! Eu empecei a escaravellar na miña historia familiar, hai máis de dez anos buscando información sobre o apelido paterno Costoya. Así foi como descubrín a este cura natural de San Tirso de Mandúas (Silleda), que estudou no Seminario de Lugo e foi ordeado na cidade. Nunca fun quen de imaxinar que douscentos anos antes ca min, alguén da miña familia paseaba polos mesmiños lugares. Aínda que o Lugo que el coñeceu era ben distinto ó de agora.   

 

 

Pasados os anos, ese home que estudou en Lugo, comezou a súa carreira como cura en Silleda foi destinado a un lugar remoto da provincia de Ourense, concretamente á parroquia de San Pedro de Alais, en Castro Caldelas. Chegou alí acompañado dun mozo que levaba o seu apelido, expósito natural de Hospital de Santiago. Sería o seu fillo? Podería ser que o cambio  de destino de Don Ramón fose en realidade un desterro? Un caso “mobbing” ou acoso laboral doutros tempos?

 

 

O seu fillo ou profillado, casou e reproduciuse, poblou a terra e multiplicouse. E así foi, como o seu apelido, probablemente de orixe toponímico, se espallou por estas terras de Ourense.

 

 

No paseo tamén contaremos coa axuda extra dun home que tamén está nas orixes da miña vida como xenealoxista. Trátase de Unamuno, creador da voz “intrahistoria”, introductor da papiroflexia en España e condeado á pena de desterro en Fuerteventura, durante a ditadura de Primo de Rivera. Unamuno presentouse inesperadamente ante min, durante o proceso da creación da marca Bisagras de Papel, do que xa teño falado noutras ocasións. Inicialmente, cando Beatriz Fontán de Será por nombres, faloume del, pregunteime que raios tiña que ver este home coa miña historia

 

 

Despois, cando lin do seu desterro e o seu libriño “San Manuel Bueno Mártir”, lembrei ó meu trastarabó Ramón. E dixen: Todo encaixa! A familia paterna e materna presentes no meu proxecto, Bis-agras de Papel.       

 

 

No paseo falaremos de desterrados, curas e expósitos. E tamén dos meus arquivos favoritos, para escaravellar. Todo en compañía de Guido Alvárez Parga  e máis eu. Será un bonito aperitivo do que serán os posteriores capítulos de Lugo Xenealóxico. 

 

 

 

Se queredes inscribirvos ou informarvos, podedes facelo a través do correo guidoguiaturismo@gmail.com. O prezo deste paseo é de 6 € por persoa (IVE incluído).

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!