1855. A MORTE DUNHA ESMOLEIRA EN PANTON

 

Esta semana, mentres escaravellaba nos libros parroquiais de San Cibrán de Vilamelle en Pantón, din cunha morte anónima, que dicía así: “Mujer forastera, pordiosera, desconocida”.  Sorprendeume o ton da anotación.  Dalgún xeito, podía ulir o medo.  Alomenos, iso foi o que eu sentín, cando lía o que o cura tiña escrito nesa páxina do libro e tamén nas anteriores.   

 

 

A morte da muller facía o número vintedous, das ocorridas na parroquia na última semana, por causa do cólera. A finais de setembro do ano 1855, o bacilo que entrara por Vigo,  visitou tamén este remoto lugar do sur da provincia de Lugo.   

 

 

 

 

 

O panorama descrito polo cura era desolador. Había moitas persoas a quen non se lle podía administrar o viático ou a comunión dos mortos, debido aos vómitos. E no camposanto non había espazo dispoñible para novos enterramentos. Tampouco había sacerdotes para as ceremonias fúnebres, pola urxencia que estes tiñan e enterrar aos seus. Ademáis, houbo quen foi abandoada, como a criada expulsada da casa onde servía, para ser asistida pola protagonista da nosa protagonista da nosa historia. Finalmente, a nosa esmoleira descoñecida morreu, mentras cuidaba da doente, que lle tiñan asignado.    

 

 

 

“En el día primero de octubre de mil ochocientos cinquenta y cinco fue sepultado en el atrio de la Iglesia de Vilamelle, por estar lleno el cementerio parroquial el cadáver de una mujer forastera, mendiga y desconocida, que por encargo del facultativo D. José Cortiñas, vecino de Ferreira asistía a una criada de la casa del Castro de Vilamelle, la que sus amos dejaron sola y sin recursos ni asistencia. Murió del cólera y arrebatadamente sin noticia y sin que se le diese al cura ni tiempo para sus socorros espirituales, a pesar de la constante vigilancia y visitas continuadas a todos los atacados de la peste en aquel período tan peligroso, de continua turbación y sobresalto. Para que conste lo firmo”. Licenciado Jose Mª Recasens. Libro de Defuntos de San Cibrán de Vilamelle (1852-1883). Arquivo Diocesano de Lugo.

 

 

 

A derradeira morte rexistrada polo cólera, nesta parroquia lucense, foi vinte días máis tarde. A vítima foi un mestre canteiro, tamén forasteiro, procedente de Escuadro (Silleda), que andaba a traballar na casa do cura.  Despois disto, a doenza desapareceu dun xeito misteriosa, de mesma maneira na que tiña chegado.       

 

 

Que sabes da intrahistoria da túa familia? Houbo riqueza ou pobreza? E que sabes das súas doenzas e padecementos? Houbo varias persoas da mesma familia mortas nun andazo?   

 

 

 

 

 

 

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!