AS AMONESTACIÓNS. UNHA PUBLICIDADE INNECESARIA

 

Hoxe retomo a mítica canción de José Luis Rodríguez “El Puma”, que empreguei para falar do número SOSA.

 

 

Lembrades que dicía, numerao, numerao, viva la numeración, quien ha visto matrimonio sin correr amonestación?”.

 

 

Pois ben, é agora, cando eu levanto a man e digo: “Eu! Eu sei de varios”. 

 

 

Digo tamén que foi grazas a un atado co que din, no Arquivo Diocesano de Lugo, que contiña expedientes de soltería, declaracións de viuvez e  varias solicitudes de dispensa de amonestacións, entre outros tesouros.  

 

 

Lembro outros casos, como aquel matrimonio segredo, anotado nun dos libros parroquiais de Rianxo, entre un viúvo e unha viúva, do que falaba no artigo titulado: “Os vellos non deben namorar. E as vellas tampouco”.

 

 

Seguro que tampouco houbo amonestacións  no matrimonio dos meus avós, Casilda e Paco, que casaron ás agochadas, porque viviran un tempo no concubinato. Si, ouvíchedes ben! No concubinato! Deus os colla confesados! 

 

 

O mesmo debeu de pasar co matrimonio do meu bisavó Andrés coa miña bisavoa Luisa.

 

 

Nota mental: preguntar se en Castro Caldelas hai un libro específico para anotar matrimonios segredos.

 

 

 

As amonestacións no matrimonio católico.  

 

 

O “Tesoro de la lengua castellana, o española”, primeiro diccionario de castelán “compuesto” por Sebastián Covarrubias en 1611, definía as amonestacións como “los mandatos que se dan y publican antes de desposarse, los que han tratado casamiento entre sí”.

 

 

Adoitaban ser tres en días festivos consecutivos e unha máis no momento do casamento.

 

 

Lembrades ese momento bisagra das películas románticas con voda, cando o cura pregunta, se hai alguén entre as persoas presentes que saiba dalgún impedimento, para a celebración do matrimonio?    

 

 

 

 

A repobración social, en certo tipo de matrimonios.

 

 

As amonestacións nun matrimonio “non ortodoxo” eran a excusa para que a veciñanza desempoase e afíase os seus instrumentos e outros obxectos malsoantes, co propósito organizar unha chocallada. 

 

 

 

amonestaciones

 

“Cencerrada”. Laxeiro. 1950

 

 

Por iso había ocasións, nas que os contraentes pedían ó párroco unha dispensa especial, para evitar a moca de veciños e veciñas, antes, durante e despois da voda.   Ás veces as chocalladas, parecían non ter fin! 

 

 

Este foi o caso de Jose Morandeira Pardo, viúvo en primeiro matrimonio de Maria Antonia Roca e en segundo de Maria Andrea Roca, irmás e de cuarenta e seis años de edad, natural e veciño de Santiago de Miraz e Andrea Rodríguez Lourés, solteira de vintenove anos, natural de Santa María de Xiá e freguesa de Santiago de Miraz. A parella non quería darlle publicidade ó seu casamento debido á diferencia de idade, posición e outros comentarios maliciosos que puidese haber. 

 

 

Ou o de Juan Expósito e Encarnación Rodríguez, veciños da parroquia de Santo André de Ribas de Miño que despois de ter vivido en concubinato, manifestaron o seu desexo de recibir o sacramento do matrimonio sen a lectura das monicións, para evitar o grave dano e escándalo. Os dous xa cumpriran coa penitencia, que lle puñera o párroco. Con iso abondaba!         

 

 

Finalmente, estaban Manuel Devesa, xornaleiro, viúvo de sesenta e catro anos de edade e María Ramona Vázquez Sánchez, vendedora ambulante de rosquillas, solteira de vintenove anos e naturais os dous da parroquia luguesa de Santo Estevo de Uriz. O home pediu ó señor cura discreción debido á diferencia de idade entre os contraentes e a oposición da súa descendencia á celebración deste matrimonio. O home argumentaba tamén que recibira amenazas por parte da veciñanza, dunha cinzarrada que duraría alomenos oitos días. Inesquecible, vaia!

 

 

Contan os papeis que finalmente, estas tres parellas foron quen de casar, sen dar pistas e en silencio, tal e como o pediran.       

   

 

 

 

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!