SAN XURXO DE AGUAS SANTAS. A PEGADA NAPOLEÓNICA NO CAMIÑO PRIMITIVO

 

 

 

Nunha das miñas recentes visitas ó Arquivo Diocesano de Lugo, cando escaravellaba nos libros de defuntos da parroquia de San Xurxo de Aguas Santas en Palas de Rei, din cunha estraña partida de defunción.  

 

 

Era o doble enterramento dun home e unha muller, “vecinos y caseros del Iglesario”, que morreran dun xeito violento, a mans das tropas francesas, que ían cara a Melide.  A notación describía con detalle o asasinato dos dous de “dos fusilazos”, disparados polos dragóns. A muller morreu no momento, mais o home foi quen de recibir os sacramentos de penitencia e comuñón do vicario desta igrexa, quen era tamén o seu amo. O matrimonio deixou un pequeno, de corta idade, Chamábase Luis.  

 

 

 

Contaba ademáis que os malpocados foron soterrados ese mismo día, a petición do pobo, que temía pola posible irrupción dalgunha outra partida de soldados, que daquela andaban polos camiños. Por primeira vez, os habitantes do lugar foron conscientes da desconveniencia de estar nun lugar de paso.  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Era o un de febreiro de 1809. Daquela Galicia tiña sido ocupada polas tropas francesas, “sin apenas resistencia, en veinticinco días”. Así o conta. Xosé R. Barreiro Fernández, en “Historia Social da Guerra da Independencia en Galicia” de Edicións Xerais. Segundo este autor, a ocupación de Galicia fue un “paseo militar”, no que caeron Lugo, Betanzos, Santiago, A Coruña, Ourense, Mondoñedo, Ferrol, Pontevedra, Vigo e Tui.  Pouco despois, a poboación empurrada polos excesos cometidos polo exército de ocupación, comezou a organizarse en alarmas.  

 

 

Descoñezo se o cura de Aguas Santas chegou a empuñar as armas contra o inimigo. O  seu nome non aparece na relación de curas falecidos en 1809, a causa da guerra. Como sería o seu discurso, ante a súa freguesía? Pacífico ou agresivo? Que papel tería xogado nos nove meses de ocupación francesa?     

 

 

 

O señor cura enterrou a Antonio e María “en dos sepulturas juntas y contiguas a la pared y esquina abajo del altar de nuestra Señora del Rosario”. Así que, se algún día visitades este lugar do Camiño Primitivo, na vosa peregrinación a Santiago, podedes entrar na igrexa e tentar adiviñar, onde repousan os seus corpos maltratados pola Historia.  

 

 

 

Que  sabes da intrahistoria das persoas que che antecederon? Como viviron os grandes acontecementos históricos? Cal foi a súa experiencia durante a invasión napoleónica?  Foron vítimas ou verdugos?

 

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!