OS ANOS DA PESTE EN LUGO

 

Agora que estamos a piques de despedir o ano da pandemia, quero compartir con vós a información dun estraño documento, que colga na porta da Capela da Virxe da Soidade, ubicada na praza que leva o mesmo nome. 

 

 

Trátase dun cartel que enumera as rogativas feitas a esta virxe ó longo do tempo. Algunhas coa finalidade de  mellorar as condicións climatolóxicas adversas (secas, chuvias ou xeadas) que facían perigar que as colleitas. Outras destinadas a lidar coas sucesivas pestes, que ameazaron a cidade de Lugo, ó longo dos séculos.

 

 

 

“Rogativa”

 

Oración ou acto relixioso en que se lle pide a Deus ou a un santo que lle poña remedio a un mal ou que favoreza a consecución de algo.

 

 

 

 

Estas peticións disque, foron atendidas moitas veces pola Virxe da Soidade  e polo San Roque, de forma mancomunada, facendo crecer a devoción que non a competencia entre os dous santiños.

 

 

Eu pola miña parte, síntome abenzoada, por poder pasear  grazas a este achado fortuito, pola historia sanitaria da cidade.

 

 

Quen ía pensar que, despois de tres meses de confinamento en soidade, toparía inspiración nun  lugar que tamén leva ese nome! Ás veces, paga a pena andar pola cidade cos ollos ben abertos!

 

 

Xa sei que o documento é incompleto xa que non están todas as que tiñan que estar e non nomea sempre o tipo de “peste” que estaba a  ameazar á poboación.  Aínda así, axuda a relativizar sobre a nosa propia experiencia pandémica.   

 

 

Segundo o documento, estes son os catro fitos sanitarios da cidade de Lugo, marcados polas correspondentes rogativas: 1698, 1800, 1865 e 1918.

 

 

A primeira de 1698 faise pola peste do tabardillo, que desde mediados de xullo asolaba a cidade, facendo vítimas a moitos dos seus habitantes, incluíndo persoeiros importantes como o bispo e os seus familiares , o deán e moita  xente do cabildo. Conta a historia que a imaxe da virxe foi levada en procesión, en dúas ocasións. Esta rogativa foi a estrea de Virxe da Soidade, nestes menesteres.

 

 

O tabardillo non é outra cousa que o tifo exantemático. Chamábase pintado, polas pintas, que en ocasións producía na pel das persoas infectadas. Esta doenza é transmitida por piollos e pulgas, portadores dunha bacteria de nome “Rickttesia prowazekii”.

 

 

A seguinte rogativa foi en 1800, cando unha nova peste amaeazaba a cidade. Estoutra peste había de ser a febre amarela, unha doenza vírica que viaxaba nos corpos de certas especies de mosquitos. Non sabemos se tivo incidencia en Lugo, pero nese ano causou moitos estragos na cidade de Cádiz.

 

 

Houbo outra en 1865, cando chegan noticias dun gromo de cólera que viña de entrar   polo porto de Valencia. Esta doenza é causada polo contacto de alimentos ou aguas contaminadas pola bacteria “Vibrio cholerea”.  E digo eu,  porque no lle pedirían en 1854 e1855 que foron os anos máis duros do cólera, na provincia?

 

 

A última rogativa por motivos de saúde foi no 1918. O motivo foi a irrupción da mal chamada gripe española no país, ese andazo de dimensións  xigantes, que acabou coa vida de entre 50 e 100 millóns de persoas, en todo o mundo.  

 

 

A miña dúbida é se a rogativa foi na primavera ou no outono. Decidiría a orde terciaria franciscana, que custodiaba a venerada  imaxe, procesionala en outono, seguindo o modelo zamorano de insubmisión?  Daquela, a gripe xa chegara é Lugo e as normas de distanciamiento social eran estrictas, ata o punto que non se chegou a celebrar o San Froilán.   

 

 

E agora, como isto vai de pedir, pido para a que Virxe da Soidade poida saír de novo a rúa e non estar tan “sozinha”.

 

 

E pido tamén para que no 2021, deixemos de medir distancias, riscos e perigos e simplemente volvamos a vivir, sen medo ó contaxio.       

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!