SE VAS Ó SAN BENITIÑO…

 

 

Lembrades a canción popular que di: “Se vas ó San Benitiño, non vaias o de Paredes, que hai outro máis milagreiro, San Benitiño de Lérez”?

 

 

A canción segue: “San Benitiño do ollo redondo, hei de ir alá se non morro e hei de levar unha bota de viño e unha bola de pan para o camiño.”

 

 

Pois ben, o protagonista desta historia non foi quen de chegar  “alá”. E cando digo alá non estou a falar de Lérez ou de Paredes. A súa foi unha morte de segunda división, ocorrida nun San Benito, esquecido da Galicia interior.

 

 

Tampouco “levaba viño ou pan para o camiño”. O que levaba eran foguetes.  

 

 

Manuel Gómez Rodríguez, que así se chamaba o malpocado, era o flamante mordomo da confraría da Nosa Señora do Rosario de Sabadelle, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar. E como tal, tiña encomendada a misión de levar, os fogos da casa fogueteiro á ermida de San Benito da Veiga, nesta mesma parroquia. Xa sabedes que unha romaxe sen fogos, non é romaxe! 

 

 

Así que na mañanciña do once de xullo, día de San Benitiño, o home recolleu o prezado material na fábrica. Pouco tempo despois, ouvíronse varias explosións, seguidas de laios. Logo viñeron os berros de auxilio do seu fillo Donato.

 

 

Donato non tiña móbil para chamar ó 112, pero tiña gorxa e pernas para correr.

 

 

Disque, os veciños toparon a Manuel deitado no chan  e inconsciente e  á besta e ó carriño, ó seu lado.

 

 

Unha semana máis tarde o cura de Sabadelle, daba conta da súa morte, no Hospital de Ourense, “de resultas de las heridas que le causó el incendio de los cohetes que como mayordomo traia del cohetero para la función de San Benito”.

 

 

Donato que perdera á súa nai ós poucos días de nacer, quedaba agora orfo de pai, con só once aniños.

 

 

Foi entón cando o neno fixo a promesa de nunca máis ir á romaría do santo.  E pediu tamén para non ter verrugas. Non fose o demo!        

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!