PAXARO DO DEMO, VAI COMER EN NÓS!

 

Conta a historia que nunha tarde de verán (ou sería de primaveira?) de hai máis de cen años, dous irmáns chamados Florencio e Pascasio, que vivían nunha aldea da montaña de Lugo de nome Pin, escoitaron un son atronador, que viña de alá arriba.   

 

 

Os nenos taparon os seus oídos con forza e abriron ben os seus olliños.

 

 

Miraron cara o ceo e seguiron coa mirada a traxectoria, dunha ave de dimensións xigantes e forma estraña, que sucaba o ceo.  

 

 

Isto nada tiña que ver coas míticas aparicións de Fátima, do ano 1917. 

 

 

Aquilo que estaban a ver era literalmente, “un paxaro de demo, que ía comer neles”.

 

 

Foi unha experiencia aterradora.    

 

 

De alí a pouco, Florencio enfermou de varíola e perdeu a vista.

 

 

Este acontecemento mudou para siempre o destino dos dous irmáns. Florencio aprendeu a tocar o violín e Pascasio convertiuse no seu acompañante.

 

 

Xuntos percorreron durante anos feiras, festas e romarías  na Fonsagrada, Baleira, Ribeira de Piquín e moitos outras aldeas e pobos da Montaña oriental de Lugo.

 

 

Aventuráronse tamén no occidente asturiano e noutros lugares afastados de Galicia.  

 

 

Máis tarde, os seus camiños separáronse.  

 

 

Florencio morreu solteiro e sen descendencia na Fontaneira, en Baleira, no ano 1986.

 

 

Pascasio morreu na Coruña, no 2004. El si casou e tivo descendencia.  E un dos seus fillos, tivo un fillo a quen puxo por nome Xoel.   

 

 

O resto da historia xa a sabedes.

 

 

 

As historias de familia como fonte de inspiración

 

 

Hai apenas uns días, Xoel López, sobriño neto de Florencio López, coñecido coma “O Cego dos Vilares” ,  ousou falar por fin das súas raíces.

 

 

Fíxoo da man de Álex Guillán “Baiuca”, no marco da X Edición de La Residencia, laboratorio musical promovido pola Fundación Paidea, froito da colaboración de Radio 3 e Estudios Mans.

 

 

O resultado é unha canción inspirada nese avión que un día atravesou o ceo de Pin.    

 

 

Hai historias que merecen ser contadas e tamén cantadas, por pequenas que sexan.

 

 

Neste caso, a espera pagou a pena.  

 

 

Tiveron que pasar moitos cucos, para que o xenio creativo de Álex e Xoel, se xuntasen. 

 

 

Seguro que Florencio se aleda con este encontro.  

 

 

Cando axexa a Álex e Xoel dende a distancia, lembra con saudade aqueles tempos nos que el e o seu irmán se botaron ós camiños, un co violín e outro con bombo e coplas, para encher o mundo de música.

 

 

Florencio escoita enfeitizado,  frega ben os ollos e observa outra vez.

 

 

Que é o que está a ver? Xunto a eles, hai unha muller que toca o violín!   

 

 

O seu irmán Pascasio bísballe que Antía é unha violinista que tamén se botou ós camiños, acompañada dunha acordeonista que che chama Sabela. 

 

 

Florencio sorrí ante esta estampa formada por Álex, Xoel y Antía. 

 

 

“Paxaro do demo”, pensa, “parece cousa de Deus”.    

 

 

 

 

 

 

Non hai comentarios

Deixa un Comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Don`t copy text!