Hai uns días que marcharon para Washington desde Lugo, as fotografías que conforman a exposición itinerante 50 fotografías con historia, organizada por Acción Cultural Española.
A número 4 é unha das imaxes máis emblemáticas do fotógrafo galego Virxilio Vieitez: o retrato da Dorotea do Cará, do ano 1960. A mítica muller da radio, posando co agasallo do seu fillo, emigrado en América.
Este home, nado en Terra de Montes, retratou durante varias décadas a vida dos homes e mulleres da súa comarca: bautismos, comuñóns, vodas, velorios e enterros.
Fixo os retratos para os DNIs e quen sabe se para outros documentos oficiais. Pregúntome se as fotos das fichas consulares dos seus paisanos e paisanas, expedidas polo Consulado da República dos Estados Unidos do Brasil, en Vigo, son súas tamén.
Conta o fotógrafo, que moitas das súas imaxes cruzaron o mar (cara a Brasil e Venezuela, preferentemente) como documentos probatorios da morte dalgún parente ou do desfrute de “haigas”, de tamaños imposibles e doutros agasallos, mercados cos cartos da emigración.
Estes días investigo en Forcarei, en Terra de Montes, así que aproveito e invito ó meu cliente a revisar as fotos de familia, en busca dalgún tesouro. Se eu teño fotos do Rizo na casa, el ten que ter alguna de Virxilio. E bingo!
Hai nada, mandoume a foto da voda do seu pai e a súa nai, cun selo no reverso que puña FOTO REPORTAJES VIEITEZ. SOTELO DE MONTES, e o número de copia.
A sona chegoulle tarde ó fotógrafo de Soutelo de Montes. Foi nos anos 90, cando a súa filla Keta decidiu expoñer na aldea, unha escolma do seu material. Despois virían a Bienal de Vigo e moitas máis exposicións, algunha internacional. E tamén os encontros con Cartier-Bresson.
Todo iso e máis cóntase, no segundo capítulo da serie documental de RTVE, titulada “La mirada fotográfica”, dedicado a “Virxilio Vieitez”.
Gústame a forma na que o fotógrafo se autodefine como empresario e obreiro, perseguidor da liberdade creativa e a excelencia.
Pero o que máis me impresiona é a voz que tremelica, cando fala do pai ausente, como se fose Stromae.
Virxilio conta que non chegou a coñecer ó seu pai, emigrante primeiro nos Estados Unidos e despois en Francia.
Pregúntome se será o Jose Vieitez nado en España, que aparece en Family Search, no censo de varóns susceptibles de ser movilizados, realizado nos Estados Unidos en 1917-1918, con motivo da Primeira Guerra Mundial.
A ficha non ten foto pero si unha descrición física completa que o define como home de raza branca, baixo e delgado e de ollos e cabelo castaño. Daquela estaba solteiro e vivía en Brooklyn, cun tío. Tiña 22 aniños.
Non hai comentarios